O Concello solicitou á Xunta no mes de febreiro subvencións por 1,4 millóns de euros para seis programas de emprego

María Teresa Deus en rolda de prensa | Adán Puentes

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Economía, Facenda e Emprego, que dirixe María Teresa Deus, vén de solicitar á Xunta de Galicia ao longo do mes de febreiro subvencións por un valor de 1,4 millóns de euros para poñer en marcha seis programas de emprego para a cidade.

A primeira convocatoria refírese a unha axuda de 374.877,28 euros para contratar durante 9 meses a 30 persoas perceptoras da Risga (Renda de Integración Social de Galicia) a través do proxecto “Mellora dos servizos municipais coa contratación temporal de persoas”.

A segunda busca fomentar o emprego no ámbito de colaboración coas entidades locais co programa “Servizo de salvamento e socorrismo nos areais do municipio”. Está dirixido a 52 socorristas e a duración é de tres meses. A contía solicitada é de 288.347,28 euros.

A terceira subvención corresponde ao programa de emprego para persoas mozas incluídas no ficheiro do sistema nacional de garantía xuvenil mediante formación e aprendizaxe. Para esta convocatoria o Concello de Ferrol presentou o proxecto “Ferrol en Rede”, dirixido a 12 alumnos. O importe ascende a 275.806,56 euros e a súa duración é de un ano.

A cuarta subvención, de 50.000 euros, refírese á contratación durante un ano de dous técnicos para actividades de orientación laboral.

A concellería de Emprego tamén vén de pedir unha axuda para desenvolver durante 9 meses obradoiros de emprego co proxecto “As cores do camiño inglés”. Está dirixido a 12 alumnos e o importe solicitado é de 210.000 euros.

Por último, o departamento que dirixe María Teresa Deus quere beneficiarse da subvención autonómica para desenvolver durante un ano un novo programa integrado de emprego, neste caso dirixido a 100 mulleres. A contía solicitada ascende a 205.400 euros.

Lea también

O BNG de Ferrol demanda no pleno, melloras nos comedores escolares

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou, acompañados de familias do ceip Cruceiro de Canido, …