O Concello entregoulle á oftalmóloga Dolores Álvarez o Galardón 8 de Marzo

Dolores Álvarez recollendo o galardón na Gala 8M | Concello de Ferrol

O Teatro Jofre acolleu esta noite a gala de entrega do Galardón 8 de Marzo na súa decimosegunda edición. O acto, presentado pola actriz Marián Bañobre, comezou coa representación dunha peza de microteatro a cargo das dúas integrantes da compañía Maquinarias, Adelaida Abad e Helga Méndez, tras a que pronunciou unhas palabras a concelleira delegada da área de Muller, Igualdade, Xuventude, Minorías Étnicas e Normalización Lingüística.

Cristina Prados comezou pedindo un aplauso para a autora do cartel institucional do 8M, Montse Gutiérrez,
que recolle a imaxe da actriz e inventora Hedi Lamarr. Na súa intervención, repasou a carreira profesional da homenaxeada deste ano, Dolores Álvarez Díaz, e invitou aos presentes a participar nas actividades organizadas pola concellería de Muller e Igualdade que se desenvolverán mañá nas rúas de Ferrol.

Despois da proxección de dous vídeos sobre a homenaxeada e que contiñan felicitacións de moitos dos seus achegados, deuse lectura ao acordo da concesión da distinción do 8M, e o alcalde e a edil de Muller entregáronlle a Dolores Álvarez o premio. A galardoada explicou no seu discurso como evolucionou o servizo de oftalmoloxía do CHUF dende que comezou a traballar nel nos anos noventa e asegurou que é “un orgullo moi grande” estar ao frente dun grupo de persoas coma o que lidera, e que constitúe unha mostra de que “se remamos xuntos na mesma dirección, alcanzaremos o porto moito antes”. “Agradezo ao Concello que recoñeza o traballo do servizo de Oftalmoloxía ao entregarme este galardón”, dixo.

Pechou o acto o alcalde, Ángel Mato, que felicitou “a Lola Álvarez por unha carreira chea de éxitos dos que nos beneficiamos milleiros de persoas” de Ferrol e da súa área sanitaria. Mato lembrou que este é un ano moi especial para Ferrol porque a cidade celebra o bicentenario de Concepción Arenal, “unha muller pioneira que anticipou acontecementos coma os que estes días, en vésperas do 8M, podemos ver nas nosas rúas”. O alcalde destacou que, “por moito que algúns sectores trataen de agarrarse a vellas resistencias, o horizonte dunha sociedade completamente igualitaria está cada vez máis preto”, e, tomando palabras de Amelia Valcárcel, afirmou que “o feminismo é un enorme educador moral”, un movemento que renunciou á violencia como método de resolución de conflictos e, “nese senso, pode que o movemento social máis exemplar da historia”. O rexedor, que dedicou palabras á defensa da sanidade pública, concluíu pedíndolle á homenaxeada “que siga coidando dos nosos ollos”.

O colofón correu a cargo de Guadi Galego. Acompañada polos seus músicos, ofreceu un concerto para o público que encheu o Jofre.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …