O servizo de atención cidadá do Concello recibe cerca de 300 chamadas ao día dende que se decretou o estado de alarma

Atención Cidadá | Concello de Ferrol

O servizo de atención cidadá do Concello está a recibir dende que se decretou o estado de alarma, o pasado 14 de marzo, cerca de 300 chamadas diarias, o que representa aproximadamente o dobre da media habitual. Dúas persoas están a atender este servizo esencial de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00, para que a cidadanía poida seguir contando cun contacto permanente coa Administración local.

Segundo detallou o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, Centro de Recursos Informáticos e Organización Interna, Julián Reina, a maioría das consultas son derivadas a Benestar Social, posto que se trata de cuestións relacionadas con esta área municipal, polo que lembra que hai dous teléfonos habilitados para informarse destes asuntos, o 981 944 230 e o 981 944 234. O tamén voceiro do goberno local explicou que o persoal da Oficina de Atención Cidadá (OAC) cubre estas semanas un traballo “indispensable”, xa que está sendo “os oídos do Concello ante a veciñanza” e agradeceulle o seu esforzo.

Reina lembrou tamén que nestes momentos, máis que nunca, o Concello “é todo un” e que a atención cidadá lévase a cabo dende diferentes departamentos que se complementan. Deste xeito, en horario de oficina a OAC encárgase de atender e derivar ao negociado correspondente calquera tipo de trámite administrativo que necesite realizar o veciño. Por outra banda, tamén en horario de oficina, funcionan os citados teléfonos de Benestar Social, o de Información á Muller (981 944 124) e o da Casa da Muller (981 944 240). En canto á axuda para facer a compra a persoas con problemas de mobilidade ou en corentena, os voluntarios de Protección Civil atenden chamadas ata as 15.00 horas no 981 320 000 e no 698 126 700. Finalmente, para cuestións de seguridade cidadá ou calquera tipo de emerxencia que haxa que atender sen demora, o cuartel da Policía Local, que estes días está tamén está atendendo como centraliña as chamadas ao Corpo de Bombeiros, está dispoñible as 24 horas do día no 092 e no 981 944 092.

Lea también

Los bomberos de Ferrol dejan de prestar servicio en otros seis municipios de la comarca

El presidente de la junta de personal del Ayuntamiento de Ferrol, Javier Sandá (CSIF), ha …