Un total de 60 voluntarios de Protección Civil concentran o seu labor na loita contra o Covid-19

Protección Civil prepara ás comidas da Praza de España na oficina de turismo | Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Seguridade, da que é titular Germán Costoya, xestiona os labores que desempeña a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol, un dispositivo que actualmente conta con un total de 60 efectivos de entre 17 a 54 anos de idade.

Ademais de continuar coas súas tarefas habituais como servizo de emerxencias, a agrupación asumiu como consecuencia do confinamento tras decretar o Goberno central o estado de alarma outras moitas funcións centradas na protección, atención e acompañamento da cidadanía unha vez estalara a crise sanitaria polo Covid-19.

Para levalo a cabo nas mellores condicións, desde o departamento de Seguridade do Concello reestruturáronse as quendas co fin de evitar posibles contaxios entre o seu persoal. Deste modo, actualmente están operativos oito voluntarios pola mañá e outros oito pola tarde.

Profesionais de diversas áreas

O persoal de Protección Civil, cuxa única motivación é a “gratificación de poder axudar aos demais”, segundo explican desde a presidencia da agrupación, conta con profesionais de diversos campos. Entre eles hai técnicos de emerxencias sanitarias, farmacéuticos, mecánicos, dependentes, monitores de ximnasia e estudantes, entre outros perfís.

Ao día coa desinfección

A nova situación de estado de alarma pola propagación do Covid-19 provocou que os voluntarios teñan que desempeñar as súas novas funcións seguindo un estrito protocolo de actuación deseñado polo departamento de Seguridade do Concello. O uso de EPIs (equipo de protección individual) e a desinfección de todo o material que utilizan, incluídos os vehículos, forma parte do seu día a día.

Entre as súas novas tarefas está a de realizar, a través da campaña municipal “Se non podes, imos nós”, a compra de alimentos e medicamentos ás persoas que por encontrarse en illamento sanitario ou por ter mobilidade reducida non poden saír de casa e non teñen familiares que poidan realizar ditas funcións. Tamén se encargan da recollida de alimentos doados polas persoas que, aproveitando que acoden ao seu supermercado habitual, adquiren produtos que o Concello de Ferrol entrega ao Banco de Alimentos Rías Altas. Retiran tamén as doazóns de particulares de Ferrol que aportan alimentos que teñen na casa e reparten na praza de España os menús aos usuarios da Cociña Económica.

Un tempo para escoitar

Ademais de desenvolver importantes campañas de axuda aos máis vulnerables nestes momentos excepcionais, desde a presidencia da agrupación aseguran que tamén son reclamados para escoitar, sobre todo a persoas maiores. Entre as chamadas que a diario recibe e realiza o persoal de Protección Civil hainas que son para escoitar como se atopan algúns veciños de mais idade, para pedir o desbloqueo dun móbil ou o arranxo dalgún electrodoméstico. Son tarefas, explica a agrupación, que antes do confinamento podían realizar familiares ou amigos e que agora realizan os voluntarios.

Unha segunda base provisional

A agrupación dispón da súa central de coordinación no parque de Reina Sofía e a concellería de Seguridade do Concello estableceu unha segunda base con carácter provisional no antigo Hospicio, onde se está a recompilar todo o material de protección individual que desde hai días doan distintas entidades da cidade.

Agradecemento pola súa extraordinaria labor

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, quixo resaltar a “extraordinaria mostra de implicación total de todos e cada un dos voluntarios que integran a agrupación de Protección Civil de Ferrol” en medio dunha “situación excepcional como a que estamos a vivir”. Sinalou que “realizan un extraordinario labor” do que “todos os ferroláns estamos moi agradecidos”. Pola súa banda, o concelleiro Germán Costoya apuntou sentirse “moi orgulloso” de todos os servizos de seguridade do Concello, que “están demostrando unha absoluta entrega na loita contra o Covid-19”.

Lea también

Ferrol apuesta por un ocio nocturno seguro y libre de violencias

La concejala de Mujer e Igualdad, Elvira Miramontes, avanzó que el Ayuntamiento de Ferrol se …