As pólas de loureiro bieitas do Domingo de Ramos

José Fonte Sardiña
Etimoloxicamente, o verbo recordar significa levar de novo ao corazón. Así pois, xa que este ano non o podo vivir, por mor do coronavirus, recordo con emoción as vésperas do Domingo de Ramos da miña infancia, nas que subiamos con meu pai pola aba do Breamo na procura de ramos de loureiro, un chisco máis grandes cada ano, para a súa bendición no adro parroquial, na que os músicos eumeses, dirixidos polo mestre Leira, alcumado o Patolo, tocaban a marcha do triunfo. Breamo era o noso particular Monte das Oliveiras, onde se collían os galegos loureiros no canto daquelas pólas de oliveira, e o adro parroquial, unha pequena Xerusalén. Antes da misa, don Pedro, acompañado do fiel e discreto don Vicente, collía o acetre cheo da auga bieita que esparexía co hisopo polos ramos. Ao finalizar a misa, había decote un combate de ramallos que ás veces finalizaba con algunha fendecha. Despois, cando naceron meus fillos, íamos buscar os loureiros a Cioi, á casa do seu padriño.

Acotío andaba polo adro Tito Ríos, o notario maior das celebracións eumesas, coa súa
cámara, sempre atento, para captar ese momento especial que queremos gardar tamén no noso álbum fotográfico porque na memoria e no corazón xa permanece indeleble.
Unha daquelas mañás colleu á miña avoa Jesusa Barral saíndo da igrexa parroquial do
brazo da nosa querida Paragüeira coas pólas de loureiro xa bieitas, que farían máis
santas e saborosas as comidas do ano.

Pero alá polo 1977, o Cabido da Catedral compostelá decidiu incorporar a don Pedro
como cóengo e o párroco marchou para A Coruña, onde, na igrexa de Santa Lucía,
tivo encomendadas algunhas tarefas sacerdotais ata o seu pasamento. O novo párroco,
don José Ramón Cascón Raposo, substituído en 2018 por don Benjamín Sevillano
Gallego despois de máis de corenta anos con nós, tivo, ao meu ver, unha moi boa idea.
Trasladou a bendición dos ramos ao adro da capela das Virtudes e desde alí organizou
unha procesión polas rúas da vila ata a igrexa parroquial. Convertía así o adro das
Virtudes naquel lugar preto de Betfagué e Betania, ao pé do Monte das Oliveiras ―no
noso caso era o Breamo―, do que falaban as Sagradas Escrituras (Mateo, 21, 1;
Marcos, 11, 1; Lucas, 19, 29), e as rúas da vila, cheas de nenos cos seus ramallos para
recibir a Xesús, en Xerusalén. Os cregos e as autoridades municipais levan grandes
palmas.

O acontecido en Pontedeume no difería moito das celebracións desta festa nas cidades e vilas de Galicia. En Ourense, contaba Vicente Risco que “o Domingo de Ramos acudía xente, principalmente á catedral, con ramos de loureiro e de oliveira para que os bendiciran. Hoxe predominan as palmas; noutros tempos non había máis que as dos cóengos que eran sinxelas e a do señor bispo que era toda entrenzada e adornada; os cóengos tiñan costume de regalaren as palmas bentas ós seus amigos para que as
puxeran nos balcóns. A procesión das palmas daba a volta arredor da catedral. Os
rapaces levaban ramos de loureiro canto máis grandes puidesen e ían batendo uns cos
outros e metendo barullo” (Vicente Martínez Risco: Etnografía, Obras completas, t.III,
Vigo, 1994, p. 600) (Foto de Ángel Cendón).

Así e todo, a imaxe do Neno Xesús ―hoxe se atopa no retablo de Santa Lucía― que se
levou nos primeiros anos, non tiña sentido iconográfico ningún ―aínda que si
sentimental, porque, polo seu tamaño, a podían levar os nenos―, e pronto se lle puxo
remedio a iso. Mercouse un fermoso paso máis axeitado para a procesión, o de Xesús
Cristo montado nunha burriña, bendicindo o pobo coa man dereita e coa palma do seu
martirio redentor na esquerda, consonte contaban os relatos evanxélicos. O pasado ano foron as dúas imaxes na procesión.

“Ide á aldea que tedes aí por fronte, e alí atoparedes unha burra atada e un burriño con ela. Ceibádeos e traédeos. Se alguén vos dixese algo, respondédelle que os precisa o Señor e que deseguido llos mandará de volta […]. Foron os discípulos e fixeron o que Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos e o Mestre montou. Moita xente estendeu tamén os seus mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores e espalláronas igualmente ao seu paso. E os que ían diante e mais os que o seguían, exclamaban: ¡Hosanna ao Fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna nas alturas! E entrou en Xerusalén” (tomado e traducido de Mateo, 21, 2-10) (Foto de Ángel Cendón).

Desde aquela, mentres as campás das Virtudes anuncian con toda a súa forza o xúbilo
das xentes, a procesión baixa polas escaleiras do adro, continúa pola Avenida de Raxoi, a travesa da Real, a rúa Real, a Inmaculada, a praza do Conde, a antiga Cátedra de Latinidade e a rúa da Pescadería, pola que a procesión sobe ata o adro da igrexa
parroquial, onde se escoita de novo o alegre repenicar das súas campás. Antes da misa,
o párroco volve bendicir os ramos xa dentro do templo (Foto de Ángel Cendón).

Desde 1990, a Escola de Música Charamela de Pontedeume acompaña e fai máis
solemne e fermosa a procesión.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …