O persoal do Speis continúa reforzando os traballos de limpeza e desinfección das residencias de maiores naronesas

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, recordou que persoal do Speis de Narón continúa desprazándose ás residencias de maiores de Nuestra Señora de los Desamparados, en Piñeiros, e DomusVi, no Alto, para reforzar os traballos de limpeza e desinfección que a diario se levan a cabo nestas instalacións. “Trátase de zonas consideradas de especial vulnerabilidade, ao residir persoas maiores catalogadas como grupos de risco, e nas que é preciso desinfectar a fondo as zonas comúns e grandes espazos co fin de baixar a posible carga vírica no interior destes centros”, asegurou Ferreiro.

O persoal do turno de garda do Speis é o encargado de realizar este traballo dende os primeiros días, con equipos de protección individualizada e protección respiratoria integral e cunha metodoloxía específica con aparatos de aplicación tamén moi específicos, tal e como indicou a alcaldesa. “Os equipos cos que traballa o Speis son automáticos, micropulverizan unha cantidade determinada e constante que permite chegar a espazos moi concretos e deixar as zonas polas que pasan desinfectadas e neutralizadas”, apuntou.

No seu traballo empregan unha disolución de auga e hipoclorito sódico facendo uso dos citados dosificadores autónomos (unhas mochilas extintoras), nunha porcentaxe que segue as indicacións realizadas dende o Ministerio de Sanidade para proceder á desinfección deste tipo de centros. Unha vez que se limpa coa citada disolución o persoal do Speis realiza unha medición de gases para comprobar que a zona queda totalmente controlada e con todas as garantías sanitarias para que poidan estar nos espazos desinfectados os residentes con tódalas garantías sanitarias.

Grandes corredores, bibliotecas, espazos comúns como salas de estar, e dispensarios… son algunhas das dependencias destas dúas residencias sobre as que o persoal do Speis segue reforzando as tarefas de limpeza e desinfección que leva a cabo o persoal do servizo de limpeza de cada un destes centros.

En materia de limpeza e desinfección de edificacións a alcaldesa anunciou que o Concello dispón na actualidade dun segundo cañón de ozono portátil profesional para traballar en grandes espazos. O equipo permite reducir considerablemente o tempo de realización desta tarefa e está indicado, apuntou, para efectuar tratamentos de choque en espazos interiores, que deberán estar sen persoas no interior –nin animais, de ser o caso- e que require dunha ventilación posterior.

Ferreiro avanzou tamén que atendendo ás indicacións realizadas pola Consellería de Sanidade debido á alerta ocasionada polo coronavirus, colocaranse en todas as fontes públicas da cidade uns carteis advertindo que se desaconsella o consumo da auga das citadas billas, ao non poder garantizarse ao cen por cento a desinfección dos citados elementos.

Lea también

Covid 19-Área Ferrol (29-IX)-Continúa descendiendo el numero de «activos». Un ingresado en la UCI

Según informó el Sergas en la mañana de este martes el número de personas afectadas, …