A música do Paso e o Encontro eumés en Santiago de Compostela

José Fonte Sardiña

Gústame estar en Pontedeume na Semana Santa e o Venres de Paixón, no que sempre te sentes asolagado pola emoción, dun xeito especial. Poucas veces faltei da vila ese día, pero, mesmo nesas contadas ocasións, meu corazón estaba alí dalgunha maneira misteriosa. Non se pode explicar mellor que como o fixo o noso bardo Ramiro Fonte: “Sen ser de todo desleal ó sete de setembro, eu afirmaría que a madrugada do Venres Santo sinala o principal acontecemento do calendario eumés. Sempre que esta noite, errabunda entre as lúas de marzo e as de abril, retorne ós anos da miña vila, pensarei para min: Agora estará soando o Paso en Pontedeume. Sei que responde a un lugar común, pero é nestes lugares compartidos onde suceden as historias que me teñen atarefado corenta anos despois […]. O Paso é a melancólica marsellesa dos meus paisanos, o verdadeiro himno da nación dos eumeses […]. O mellor de nós mesmos, que diría o outro” (Ramiro Fonte: Os meus ollos, Vigo, 2003, p. 204 e 205).

Cando eu era un neno, xa durmía coa ansia de que meu pai me espertaría ben cedo para ir ao Encontro e nalgunha ocasión sentín, ou talvez só o imaxinei, soar O Paso en soños a non sei que hora da madrugada no adro das Virtudes, interpretado polos músicos da vila dirixidos polo Patolo, que me arrolaba tan docemente que non era quen de me levantar da cama e, cando marchaban, volvía durmir decontado. Así e todo, este ano as cousas, con este teimudo encerro, son moi diferentes, ou talvez non tanto. Ás sete e media desta mañá compostelá pareceume escoitar a voz de meu pai dicíndolle a aquel neniño que eu fora: −¿Queres ir ao Encontro? Pois veña, vístete, que marchamos. Xa estaban soando as nosas carracas, no canto das habituais campás, que permanecen mudas ata que poidan anunciar a Resurrección redentora do Salvador, avisando aos eumeses de que axiña sairía a procesión (Foto Ríos).


No meu soño, estou chegando ao adro parroquial e escoito cada vez máis intensamente o estrondoso e enxordecedor bater das carracas, e unha vez alí, agardo a saída da procesión. A talla de san Xoán, o máis novo dos discípulos de Xesús e o único que o acompañou ata o final na súa Paixón e Morte, encabeza o desfile detrás da cruz e os ciriais. Baixa as escaleiras do adro e abandona a procesión pola rúa do Cantón, desde a que se dirixe á Real en espera da súa quenda para entrar na praza Real. A imaxe da Verónica, co impoluto pano branco, aínda dobrado e prendido por un alfinete, nas súas finísimas e delicadas mans, sae pola porta da igrexa e desfila detrás de san Xoán. Deixa tamén a procesión na rúa do Cantón e baixa despois pola de Santiago para agardar alí a que o predicador lle dea a entrada á praza Real para atoparse con Cristo e enxugar o seu martirizado rostro.

A continuación desfila o fermosísimo conxunto escultórico do Nazareno coa cruz ás costas, realizado pola man xenial do mestre Gambino en 1771, que será acompañado en todo momento polas solemnes e emotivas notas do Paso, que nos regala Charamela. O rostro de Cristo mostra dor, cansazo, sufrimento e, así e todo, serenidade. A longa melena do Redentor vai cinguida pola coroa de espiño que di ben ás claras que o seu reino non é deste mundo. Suxeita coas dúas mans e a pouca forza que lle vai quedando a pesada cruz na que será sacrificado.

Conta coa axuda de Simón de Cirene, que agarra, detrás del, a parte de abaixo do madeiro e leva a perna esquerda lixeiramente adiantada por soportar mellor o peso que ten que cargar.

Á dereita de Cristo aparece o soldado romano, co casco prateado na cabeza, representante da oligarquía que si é deste mundo, como anuncian as iniciais gravadas no emblema que colga da súa trompeta, SPQR (Senatus populusque romanus). Fai soar con forza o seu instrumento dourado que porta na súa man dereita, polo que ten as fazulas lixeiramente inchadas, e comunícalle á xente que o reo que alí vai será sacrificado. Á esquerda do Nazareno disponse a imaxe do coñecido na vila como o Xudeu da Moca, que golpea sen piedade o laiado corpo de Xesús, ao que leva preso dun cordón dourado rematado en dúas grandes borlas. O paso do Nazareno continúa o seu camiño pola Inmaculada e sobe a costa da Real, convertida esta mañá naquela rúa da Amargura de Xerusalén, para agardar a súa quenda ao pé do palacio de Raxoi.

Os músicos de Charamela acompañan ao Nazareno xa desde dentro da igrexa tocando O Paso. Alí van Pablo Delgado, seu fillo Pedriño, todo un neno prodixio da percusión, José Luis Gómez Fuentes e outros compañeiros que fan soar os seus tambores e bombos cun ritmo pausado, solemne e case fúnebre, pon, porompón, pon, pompón… Os instrumentos de corda e vento comezan a interpretar esa música patria que consegue, coma sempre, chegar ao meu corazón. Entre eles están Gervi Delgado e o seu fillo Jose, Miguel e Sara Martiño, a miña prima Elisa Sardiña co seu violín, Agustín e Fini Vilariño, Paz Leira, Xulio Garabana, Javier Amado o do Practicante, Gustavo Leira Carpente, Manolo Vázquez e familia, o alcalde… e, pola maxia do soño, o máis imprescindible de todos, o noso Neno, Eduardo, coa súa frauta, cantaruxando sen desafinar nin unha nota o himno da nosa nación eumesa.


Detrás da música vai a Virxe das Dores, talvez a imaxe máis querida polos eumeses, que foi mercada pola Confraría na cidade de México en 1770 por mil cincocentos reais. O seu finísimo rostro mostra a tristura e tenrura que unha nai pode sentir cando ve o martirio do seu fillo. As súas mans abertas e estendidas á altura do peito e os delicados dedos mostran a dolorosa aceptación da vontade de Deus. Leva na cabeza unha fermosa coroa dourada sobre un amplo manto negro, con ricos reberetes dourados, que lle chega ata os pés e, debaixo dela, unha rica túnica da mesma feitura, cinguida por un cordón dourado rematado en dúas borlas. Tapa o seu peito cun branco lenzo de fino encaixe sobre o que leva cravado á altura do corazón o puñal da súa terrible dor. Baixa pola rúa da Pescadería, dobra a esquina na da Inmaculada e deixa ao seu Fillo na parte baixa da rúa de Santiago pola que subirá para atoparse de novo con El.

A representación do Encontro vai comezar. Pola silandeira praza Real, xa ateigada de xente, asoma, devagariño e con solemnidade, á altura do mítico Cagarrón, o paso do Nazareno. Carga co peso da cruz e cae por primeira vez diante do silencio estremecido dos eumeses, que se rompe polo maxestoso son da trompeta, ta, tarará, tarará, ta, tarará, tarará, e o bater das forquitas dos levadores no chan, que deixarán caer tamén se algún dos pequenos acólitos, despistado, non llelas arrebata. Despois da segunda caída, a Verónica avanza pola praza e ve caer por terceira vez ao Nazareno. Achégase decontado a Cristo e, logo de que os portadores baixen levemente a súa anda, co impoluto pano limpa o seu rostro e alivia a súa dor. Conmovido pola tenrura da muller, como fermoso agasallo, Xesús grava no branco e inmaculado lenzo a súa Santa Face. A imaxe da valorosa muller será a primeira en abandonar o centro da praza e en situarase á dereita do predicador, onde antes estaba a vella botica que todos os eumeses chamabamos a Farmacia de Abaixo.


Pola rúa Real baixa a imaxe de san Xoán co seu dedo índice da man dereita estirado e atravesa lixeiro a praza Real na procura da Virxe das Dores, que xa asoma pola rúa da Inmaculada. O acompasado movemento do trono no que vai a Dolorosa fai que o puñal que leva espetado no corazón semelle que se lle crava aínda máis fondamente a cada paso. As dúas persoas máis amadas neste mundo por Xesús terán que ver o seu inxusto sufrimento. Xoán abandona a escena e sitúase á dereita da Verónica. Detrás del vai o paso do Nazareno, que se coloca esquerda da Verónica, e, finalmente, abandona o centro da praza a Virxe das Dores, que se pon á dereita de san Xoán.

Unha vez rematada a representación, a procesión regresa ao templo parroquial. Así o conta con mestría Ramiro Fonte: “Ritmo de palitroques. Os monagos arrastran dous longos ríos de xente ben medrados. Soben pola rúa Real, acompañando as imaxes. O Paso volve soar como unha música de réquiem. Hai quen verá nas torres da nosa igrexa as tres cruces chantadas nun espido outeiriño de Xerusalén. Maldito Poncio Pilatos” (Idem, p. 219).

San Xoán, a Verónica, o paso do Nazareno e a Virxe forman a procesión que sobe pola rúa Real e logo se desvía á dereita pola do Mancebo. Os músicos de Charamela van tocando O Paso entre as andas de Cristo coa cruz ás costas e a Dolorosa. Na esquina coa Pescadería, as imaxes, recibidas novamente polo enxordecedor ruxido das carracas, volven ao templo parroquial e fan que a música case non se escoite xa.

 

De socato, esperto do meu soño e comezo a cantaruxar a melodía do Paso, como o facía sempre Eduardo. Volveremos o ano que vén.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …

2 comentarios

  1. luis Miguel Alonso Allegue

    Excelente e interesantísimo artigo entereime de moitas cousas que non sabia.

    por certo do monaguillo que hai na entrada da igrexa ,hai documentación ?,porque pensó que todolos Eumese como nenos que fomos o temos no imaxinario infantil,e supoño que a todos nos pasa que cando o vemos nos transporta a nosa infancia.

    Un confinado saúdo

    • Graciñas; Luis. Son vivencias de moitos anos gardadas na memoria do corazón.

      O «monaguillo» da entrada da igrexa que todos os da nosa xeración lembramos, como ben dis, creo que existe tamén noutros templos coa mesma figura ou moi semellante. Non sei de que ano pode ser.

      Outro confinado saúdo.