Uns douscentos nenos e nenas de Narón dispoñen xa dos diplomas de heroes e heroínas concedidos a través do Speis

Uns douscentos nenos e nenas de Narón dispoñen xa dos diplomas de heroes e heroínas concedidos a través do Speis. Nos últimos catro días os menores enviaron ao citado servizo debuxos agradecendo o traballo que realizan estes días diferentes colectivos como bombeiros, policías, farmacéuticos, veterinarios, médicos, enfermeiras, traballadores do servizo de limpeza… “Queremos agradecer a gran resposta que tivo esta iniciativa entre as nenas e os nenos da nosa cidade, que estes días de confinamento están nos seus domicilios, tal e como se establece no decreto do estado de alarma, e colaboran así xunto coas súas familias nas medidas establecidas para frear a expansión do coronavirus”, asegurou a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro.

Os bombeiros do Speis realizaron un vídeo no que felicitan aos nenos e nenas polo ben que o están facendo e lles encomendan unha misión que, á vista do resultado, están cumprindo con creces. Os menores, de diferentes idades, afánanse estes días na realización dos variados debuxos que se poderán ver no Facebook do Concello de Narón, donde se irán publicando a medida que vaian chegando e que se entreguen os diplomas de heroe ou heroína.

O certame permanecerá activo mentres estea en vigor o estado de alarma, polo que tal e como recordou Ferreiro, aqueles nenos e nenas que queiran recibir o diploma poden facelo aínda enviando o seu debuxo, xunto co seu nome e apelidos, á dirección de correo electrónico: speisintervencion@naron.es. “A través destes diplomas queremos agradecer tamén aos nenos e nenas a súa colaboración durante estes días de confinamento e, ao mesmo tempo, facer extensivo ese recoñecemento ás persoas que, nos diferentes colectivos, continúan traballando”, subliñou Ferreiro.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …