O Concello de Narón agasallou cun libro aos usuari@s do servizo de comedor do Centro das Vivendas da Mariña

O Concello de Narón suma unha nova iniciativa á celebración do Día Internacional do libro e na xornada deste xoves entregou un libro ás usuarias e usuarios do servizo de comedor do Centro Municipal de Maiores das Vivendas da Mariña. “Álvaro Paradela, médico e escritor” foi o libro elixido para agasallar nesta ocasión ás persoas que se desprazaron ao Centro Comunitario das Vivendas da Mariña para recoller o seu menú diario e dirixirse ao seu domicilio. Así mesmo, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, tamén se entregou ao mediodía deste xoves a través do equipo de voluntarios de Protección Civil a aquelas persoas que, tamén usuarias e usuarios do servizo, non puideron desprazarse hoxe a recoller o menú ao Centro de Maiores.

Manuela Santalla e Juan Carlos Rico son os autores deste libro sobre o médico e escritor Álvaro Paradela (1911-1979), editado en colaboración co Concello de Narón co obxectivo de “dar a coñecer a vida e obra de Álvaro Paradela, unha persoa que exerceu a súa profesión sanitaria na nosa cidade, concretamente na parroquia de Freixeiro, e que aínda que naceu na Coruña, se autodefinía como naronés de adopción, amosando o seu orgullo de vivir na nosa cidade”, apuntou Ferreiro. En contraprestación ao seu gran labor o Concello recoñeceu a figura de Paradela dando o seu nome a unha rúa e tamén a unha praza.

Así mesmo, tamén con motivo do Día Internacional do Libro, xa se poden ver en YouTube -https://www.youtube.com/watch?v=Fq41tuW-yeM&t=1s e https://www.youtube.com/watch?v=8GvULcYzLdw&t=1s- e no Facebook da Biblioteca Municipal e do Concello os vídeos da lectura conxunta do conto infantil “A vaca que puxo un ovo”, de Andy Cutbill . Algo máis dunha trintena de persoas participaron nesta proposta, a través da que se elaboraron dous vídeos do conto. A alcaldesa agradeceu a colaboración de todas as persoas que se implicaron nesta actividade e destacou o resultado desta iniciativa “coa que fomentamos a lectura dun dos contos infantís máis solicitados na Biblioteca municipal”.

O Concello dispón doutras dúas propostas organizadas con motivo do Día Internacional do Libro e nas que aínda se pode participar. Unha delas é “Portadas de libros”, que consiste en colgar nas contas de Instagram unha cuberta dun libro acompañada dunha fotografía da súa reproducción feita polos participantes cos medios dos que dispoñan no seu domicilio. As propostas presentadas, unha por persoa, deben subirse ata o vindeiro domingo, día 26, a unha conta de Instagram mencinando o da Biblioteca municipal (@bibliotecadenaron) e engadindo a etiqueta #PortadasdelibrosBPN. O luns 27 deste mes fallarase o certame e anunciarase a través da conta de Instagram da gañadora ou gañador, que recibirá un lote de libros na Biblioteca, en canto sexa posible a entrega de xeito presencial.

Outra das propostas é facer unha lista de recomendacións de libros, debendo escribir unha mensaxe a: biblioteca.central@naron.es indicando sobre que libros se queren recibir recomendacións –sobre un libro ou un xénero en concreto-. Os lectores e lectoras serán os encargados de realizar as súas aportacións sobre as citadas publicacións.

“O Concello de Narón conmemora con estas actividades o Día Internacional do Libro, unha data que nesta cidade celebramos cada ano dun xeito moi especial pero que nesta ocasión temos que adaptar á situación na que nos atopamos”, apuntou Ferreiro.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …