A celebración na casa da Festa dos Maios de Pontedeume

José Fonte Sardiña

Conta Vicente Risco que o maio vivente “que aparece en Galicia é o home ou rapaz cuberto de follatos e flores que leva por nome o Maio. Semella ser propio do norte e o leste da nosa Terra, pois nas outras partes, o maio é unha sorte de pirámide feita de pau e cuberta de verduras e flores, que se leva en andias, o cal pode ser un substituto do maio vivente [que] se atopa ou se atopou ―pois nalgúns lados desapareceu ― en Santiago, A Coruña, Pontedeume, Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Lugo, Monforte, Castro Caldelas, O Carballiño, Ribadavia, etc. É un rapaz cuberto de follas e flores, que sae polas rúas en compaña dunha pandilla de nenos ou mozotes, os cales, de tempo en tempo, paran e cantan arredor do Maio cantigas axeitadas, que veñen xa de tradición, e piden as maiolas ou maias, que son castañas secas ou noces, e se cadra, máis modernamente, diñeiro […]. Ía vestido cunha faldamenta e unha esclavina feitas de espadana, fiúncho e lesta, enfiados en cordas e adornadas de flores, e na cabeza un ramo de fiúncho cos rabos para riba e rematados en tres coroas de flores e un florón de  lirios, na man levaba un bordón florido. Os do coro levaban paus e con eles marcaban o compás do canto […]. Ó rematar, o Maio deitase no chan para que lle boten as maiolas por riba e érguese cando lle din o Levántate Maio” (Vicente Risco : Etnografía, en Obras Completas, t. III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 609, 610 e 615).

En Pontedeume, vila citada por Risco entre as que sacaban os maios viventes, “houbo maios de nenas e nenos, comparsas deles vestidos todos de flores, agás o que os dirixía, e cantando” (Idem, p. 612). Os rapaces bailaban a chamada Danza do Biouteiro, cubertos con ramallos desta árbore, que en galego normativo se chama bieiteiro ou sabugueiro, amarrados con cordas, mentres os compañeiros cantaban: “Déitate Maio, / que tanto durmiches, / pasou o burro / e ti non o viches. / Seresín, seresán, / que de noite virán. / Castañas vimos buscar. // Esta casa caleada / é por dentro de papel, / viva o señor que está nela / e mais a súa muller. / Seresín, seresán, / que de noite virán. / Castañas vimos buscar. // Levántate Maio, / que tanto durmiches, / pasou o burro / e ti non o viches. / Seresín, seresán, / que de noite virán. / Castañas vimos buscar”.

Noutros lugares, segundo di Vicente Risco, “o maio xa non é un rapaz vestido, senón un armadillo de pau cuberto de follateira e de flores, levado en andias ou padiolas, que pousan no chan para cantaren, meténdose debaixo o director ou guía do coro, o cal canta primeiro el só cada estrofa, e logo repítena os da pandilla […]. A armadilla é de pau, e por riba soen pórlle, polo menos modernamente, tea de sacos (arpilleira) para asegurar nela o musgo tradicional que recobre todo, e enriba do musgo póñenlle algunhas flores e espadanas. No cumio, o maio leva unha cruz e, ás veces, debaixo vai unha campaíña” (Idem, p. 617). A cruz ía sempre sen Cristo encravado, polo que en Pontedeume se cantaba para pedir cartos: “Santa cruz de maio, / ¿qué haces ahí? / Esperando a Cristo / que viene ahí. // Toma la bandeja / que te echen cuartos / para los adornos / que cuestan los cuartos”.

Na vila de Pontedeume, consonte recolle o mestre Pepucho Paz Fernández, “como
verdadeiros maios eran considerados os que constaban na súa feitura de varas, facendo arcos, cubertos de mirtos e flores, e case todos eles levaban penduradas laranxas bravas. Veu alterar este xeito de facer os maios a construción de maquetas cubertas de flores e follas, representando variados motivos locais, que pouco a pouco foron pasando a primeiro plano, deixando relegados os tradicionais […]. Os maios eran levados por catro nenos, vestidos coas súas mellores roupas, coma se fosen levando unha imaxe relixiosa, e debaixo […] ía outro neniño, que sempre era o máis pequeno de todos […]. Nas súas mans levaba unha bandexiña” (Xosé Paz Fernández : Cancioneiro Popular Eumés (Festas anuais), Pontedeume, 1994, p. 104).

De porta en porta, aínda hoxe, paran na vila para cantar as cancións tradicionais e pedir unha esmola ou aguinaldo, que se deixa na bandexa. Entre outras moitas cantigas estaba esta: “Angelitos somos, / del cielo venimos, / bolsillos traemos, / dinero pedimos. / Angelitos somos, / del cielo bajamos, / bolsillos traemos, / dinero buscamos. // Aunque soy de mayo / también traigo flores / y a mis compañeros / los trato de señores. / Aunque soy de mayo / también traigo dientes / y a mis compañeros / los trato de valientes”.

Na nosa lingua tamén había outra, recollida por Xosé Paz Fernández, que conta que lla deu Carmen Sarmiento, que dicía: “Xa chegou o maio / da nosa Mariña, / maio namorado / do mar e a andoriña. / Chegou desde lonxe, / acollédeo ben, / nesta nobre vila / de Galicia edén” (Idem, p. 113 e 114).

Afirma tamén Vicente Risco que “non estará de máis, así e todo, que lembremos […]
que o se facer a festa dos Maios o día primeiro de mes […] puidera estar en relación co feito de ser ese día cando celebraban os romanos a adicación anual do templo da Bona Dea, chamada Maia, patroa do mes, e en cuxa honra tíñanse as festas chamadas Floralia. Que remataban o día tres, festas da primavera e das flores” (Op. cit., p. 617). A Festa da Árbore, celebrada en Pontedeume hai máis dun século, no ano 1914, pode ter bastante que ver con isto que Risco nos conta.

Este ano, por mor do coronavirus, os eumeses non poderemos acudir ao xardín e a
alameda e logo cantar polas rúas par celebrar a festa, polo que o Concello nos propón
facer na casa un maio con material de refugallo e enviarlles unha foto del ou un pequeno vídeo acompañado dalgunha das coplas tradicionais dos maios.

Outra celebración moi importante no primeiro de maio eumés é a das Primeiras
Comuñóns, que tamén será adiada.

Ademais, nesa data, que ten por padroeiro a san Xosé Obreiro, o mundo, e Galicia non
é, naturalmente, unha excepción, celebra o Día Internacional dos Traballadores, con
manifestacións en defensa dos dereitos laborais nas súas principais cidades.
José Fonte Sardiña

Lea también

El 10 de marzo de 1972 en Ferrol ¿Tragedia o suceso histórico?

Enrique Barrera Beitia Todos los ferrolanos sabemos que el 10 de marzo de 1972 una …