O Concello de Narón celebrou unha xuntanza con entidades para avanzar nos actos do Día dos Dereitos Humáns

A concelleira de Acción Social do concello de Narón, Catalina García, reuniuse este luns de xeito telemático con representantes dunha decena de entidades que participan no programa “Un mundo cheo de diversidade”, co que no mes de decembro se conmemorará novamente o Día Internacional dos Dereitos Humáns.

“Durante aproximadamente hora e media estivemos retomando o contacto coas entidades que colaboran co Concello na organización deste evento e co obxectivo de ir perfilando a programación a levar a cabo no mes de decembro na cidade”, explicou García. Na convocatoria participaron representantes de Cogami, Acadar, Asociación Sociocultural ASCM, Aspaneps, Ágora Narón, Asociación Teima Down Ferrol, Asociación Movilidad Humana, Grupo Diversidade Funcional Ferrol e
Comarcas, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e Asociación de Persoas Xordas de Ferrol.

Nunha primeira parte da xuntanza abordouse a situación actual de cada unha das entidades participantes, para ver de que xeito estiveron traballando e como están retomando, tamén de xeito telemático, a súa actividade en determinadas áreas. A continuación, tal e como indicou a edil, expuxéronse as potencialidades que poderían ter cada unha das entidades á hora de programar o acto previsto para o mes de decembro, avanzando que se podería tratar de iniciativas vencelladas ao mundo audiovisual, o baile, a música… e outras propostas.

Nos vindeiros meses continuaranse realizando reunións coas entidades, de xeito telemático mentres non se reúnan todas as condicións para que poidan ser presenciais, e avanzaremos nas potencialidades de cada unha delas co obxectivo de sensibilizar ao conxunto da poboación no traballo das entidades da área da diversidade funcional”, apuntou García. A edil explicou que a través deste programa se aposta por normalizar a sociedade en xeral atendendo ás diversidades de cada persoa en todas as áreas, englobando a diversidade funcional, intelectual, orientación sexual…

García agradeceu a participación das entidades na xornada de traballo celebrada este luns e tamén “o labor que desenvolveron ante esta situación de pandemia para atender ás persoas e, por extensión, o que realizan ao longo do ano”. García animou finalmente ao colectivo a manter esta liña de colaboración e implicación “para que a xornada do Día Internacional dos Dereitos Humáns sexa todo un éxito”.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …