O río Eume visto por Otero Pedrayo

José Fonte Sardiña

Estes pasados días chegounos a boa nova de que, acadada en Galicia a fase 2 da chamada desescalada e rematado o tempo de forzosa reclusión por este maldito coronavirus ―semella que concede unha tregua pero aínda non nos quere deixar en paz coa súa negra sombra de morte e desacougo―, as Fragas do Eume volven abrir ao público e poderemos gozar de novo do seu verdor cinguido, da beleza, a paz e o misterio do antigo cenobio de San Xoán de Caaveiro e do murmurio do río que, desde o seu nacemento na Serra do Xistral, vén cantando as súas lendas, quer alegre e rebuldeiro, quer rumoroso; unhas veces silandeiro e un aquel preguiceiro, e outras con paso rápido e firme; tamén, en ocasións, baixa mainiño e, de socato, vai bater con forza cunha rocha e logo recupera o seu ritmo anterior ata fundirse amoroso con mar no seu esteiro, entre Cabanas e Pontedeume (Foto de Ángel Cendón).

Moitos foron os escritores que se referiron ao noso río nos seus textos. Pomponio Mela, na súa “Chorographia”, ―redactada no século I, contra o ano corenta, cando os
romanos entraron polo golfo Ártabro, conquistaron estas terras e deixaron nelas o
xermolo do que hoxe é o noso tesouro máis prezado, a lingua galega, labrada polo pobo ao longo dos séculos, como fixo o Eume co seu milenario canón―, falaba xa dun río chamado Anaris que se correspondería co Eume actual e cuxo topónimo hoxe nomea a ría de Ares onde desemboca e se funde coas augas salgadas.

Un dos máis grandes poetas dos Séculos de Ouro da literatura española, frei Luís de
León, cantoulle, contra 1572, ao noso río nunha das liras da súa oda “Virtud, hija del
cielo”: “Dichosos los que baña / el Miño, los que el mar monstruoso cierra, / desde la
fiel montaña / hasta el fin de la tierra, / los que desprecia de Eume la alta sierra”, e
considerouno un dos emblemáticos espazos naturais daquela Galicia que tiña como
rexente da súa Audiencia a don Pedro Portocarrero, a quen lle dedicou o poema. Por
esas datas falou así mesmo do río Eume o licenciado Bartolomé Sagrario de Molina na
súa Descripción del Reino de Galicia, quen considerou, ademais, a vila de Pontedeume
“verxel de Galicia”.

Séculos máis tarde, en 1754, o padre Sarmiento gabou este milagre de beleza en “Viage
que yo Fr. Martín Sarmiento, benedictino, hice desde San Martín de Madrid a Galicia y en derechura a Pontevedra, mi patria. Año de 1754”. Murguía foi tamén ilustre visitante da vila e admirador do seu río e a ponte, aos que describe con paixón na súamonumental obra “Galicia”, publicada por primeira vez en 1888 e merecedora dunha boa edición traducida á nosa lingua.

Álvaro Cunqueiro, Ramiro Fonte, o padre Placer, Eva Veiga, Carlos G. Reigosa, César
Antonio Molina, entre outros moitos grandes autores, cantaron tamén, en galego, en
prosa ou en verso, as marabillas do noso río e a súa fraga.

Así e todo, foi Otero Pedrayo quen realizou a descrición do Eume que máis me
impresionou. No ano 1929, peregrinou desde a cidade de Ourense a Santo André de
Teixido, onde vai de morto o que non foi de vivo, consonte a crenza popular, cos seus
amigos Vicente Risco e Ben-Cho-Shey, e fixo un marabilloso relato odepórico desta
viaxe no seu libro Pelerinaxes, onde recolleu as súas experiencias e sensacións. Naquel
percorrido, que se pode ver no sinxelo debuxo da portada, realizado por Vicente Risco,
pasaron a carón do Eume, do que Otero Pedrayo deixou escrito que era “un río de loita, de combate, esgrevio serranchín, que labra os cernes duros do granito. Boa diferenza c’os ríos desfiados, superfizás, tranquíos das mesetas lucenses.

Eiquí o río sinte a responsabilidá histórica −xeoloxía histórica− da súa funzón erosiva.
Podía folgar un pouco na conca ditosa. Non ten vagar. Cada fío criado nos outos e
batido nas fervenzas figura gardar un ritmo de carreira.

O Eume non espella a outra ponte, a vella, tan ben posta a carón das casas antergas e dos grandes arbres. Espello romántico o río, é dicir espello temeroso, fuxitivo, que
alonga cun xesto apaixonado a muller refrexada […].

O Eume, fillo de cumes desertas, inda ten moito que puxar. Así morre tan gostoso baixo a bendizón que lle botan os arcos das Pontes d’Eume […].

O Eume ollou a colonizazón monástica −Caabeiro−; agora, ô igual d’un río suizo
−foron tamén feudales e monásticos−, proporciona o romanticismo necesario pr’o
burgués en vacazós” (Foto de Ángel Cendón).

Tomado de Ramón Otero Pedrayo“Pelerinaxes”, Sada, 1993, p. 175-177.

Lea también

La repanocha del deporte en tiempos de covid-19

Por Adán Puentes (@adanpuentes) Estamos en meses complicados, muy duros, de eso nadie ha sido …