Volve a Feira do 21 ao Areal de Cabanas

José Fonte Sardiña
Se os datos que eu teño non me enganan, un vinte e un de xuño de 1911 comezou a facerse no Areal de Cabanas unha gran feira todos os días 21 de cada mes que foi bautizada con ese emblemático número. O coronavirus impediu por un tempo a súa celebración pero, coa chamada “nova normalidade”, vai retomar o vindeiro domingo, xusto 109 anos despois daquela primeira, coas medidas de protección precisas, a súa feliz andaina, que eu, comesto pola saudade dos meus tempos mozos, me dispoño a recordar en Santiago de Compostela coa lectura dunha crónica realizada no ano 1967 polo Padre Placer e as fotos dos lenzos de Abelardo Miguel sobre o evento que a miña boa amiga María Fidalgo Casares, a mellor coñecedora da obra do noso paisano, xenerosamente me mandara.

O artigo, escrito en castelán e do que eu tomo e traduzo algúns fragmentos á nosa
lingua, comezaba dicindo que “pola ponte barroca sobre o Eume ía á feira un gandeiro.
No seu maxín levaba gravados un desexo e unha idea: vender a vaca. Xa na feira buscou o sector do gando vacún e agardou, apoiado na súa aguillada, cavilando que alguén lla compraría”.

Logo facía o Padre Placer unha descrición do evento que era un calco do que eu
lembraba de cando alí ía de neno, e máis tarde de adulto cos meus fillos, e que xa pouco se parece ao que hoxe quedou dela. “O vinte e un de cada mes celébrase a gran feira do Areal de Cabanas baixo o raro piñeiral que lle dá sombra á praia da Magdalena, marabillosa pola súa situación e perspectivas. Todos os camiños van a Roma e todos os rueiros dan a ela. Éche unha festa laboral na que se mesturan elementos sociais, económicos e gandeiros. Óense por todas partes muxidos, relinchos, cacarexos, beos, gruñidos, mesturados coas voces dos feirantes”.

Mostra tamén ben ás claras que esta é unha feira viva. “A marea de xente vai medrando. Os comerciantes de Ferrol, Betanzos e As Pontes erguen os seus postos e toldos ao longo de todo o paseo central. Amorean pezas de roupa sobre un mostrador apoiado en cabaletes e penduran teas coas cores de moda en varais e barracas. Os pequenos traficantes de quincalla abren o seu posto en calquera recuncho e mostran a súa mercadoría: espellos de man, chifres de plástico, reloxos de pulseira de goma, petardos, peites, aneis e cadeas de ouropel”.

Cada mercadoría, viva ou inanimada, ocupa o seu espazo, que é perfectamente coñecido pola maioría dos visitantes que veñen desde unha ou a outra banda da ponte. “A feira ten dúas entradas. Unha a da ponte e outra a de San Martiño, que pasa por diante da ermida da Magdalena. Por aquí se colocan en ringleiras paralelas grandes cestas de froitos da terra: cebolas, patacas, allos, repolos, remolachas, cenorias, e froitas variadas segundo a época do ano. Á dereita, baixando cara á praia, exponse a artesanía do ferro, tan necesaria para o labrego: fouces, reixas, coitelos, tesoiras, podadoras, trespés, potes e potas e utensilios diversos. Ao seu carón, en sacos e cestas, venden sementes de plantas, verzas, nabizas e grans de toda especie. Algo máis abaixo hai zocas e zocos para todos os gustos. Os compradores van metendo polas súas bocas a variña da medida e, trato feito. As zocas son de madeira de bidueiro.

Pola entrada da ponte, despois de cruzar o paso a nivel do ferrocarril, abre a feira coas vendedoras de galos, galiñas, patos, ovos, queixos, manteiga e requeixos. Ofertas e demandas a berros. Outras rúas da feira ofrecen louza, cristalería, baterías de cociña e obxectos caseiros como coadoiros, peneiras, arandelas ou rateiras. Os que saíron cedo da casa van na procura de alimento á sección de provisións, onde atoparán pan de Neda, de Betanzos, de maínzo, de centeo, de barra ou de candeal. A empanada, o biscoito, as rosquillas brancas e morenas, a costrada, os melindres, os amendoados e demais confeituras son compañeiros das carnes de porco: xamón, cachucha, morcilla, chourizos ou touciño, e das cestas co arrecendo do mar, nas que aparecen peixes frescos e salgados.

O balbordo e a animación van en aumento […]. Amigos, compradores, chaláns, tratantes e mediadores móvense ao compás, tal música organizada. Fuman, poxan, rin, enfádanse.
Cada compra, cada venda é un combate de berros, desplantes, apertada de mans,
blasfemias, palmadas no lombo e conciliábulos secretos, ata que as tesoiras debuxan nas ancas da res a marca de compra […]. As mulleres berran, separan as cestas, vociferan ameazas, e os homes corren detrás do animal que busca o verde dos prados próximos ou cae vítima do lazo. Daquela, o bulebule remata […]. Unha inmensa riada humana invade todo por dentro e por fóra”.

Á hora do xantar xa todo vai rematando. “O silencio da tarde regresa ao seu no piñeiral do Areal, mentres eles, os rapaces, falan de amor, de festas, de traxes e de traxedias, nese ton íntimo, xovial e sereno ao que lle dá un fondo real a música do mar na praia.

O gandeiro, coa súa vaca, volve cruzar a ponte. Non houbo sorte. Non viu o negocio e
non quixo vender. Outra vez será” (Texto tomado e traducido de Gumersindo Placer
López: ‘La feria del Arenal, en Cabañas (1967)’, en “Crónicas de mi rincón natal”,
Pontedeume, A Coruña, 1977, p. 121-124).

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …