O Concello de Narón analiza con Terra Rendible a viabilidade de impulsar un proxecto de agricultura ecolóxica no Val

 O concelleiro de Promoción Económica de Narón, David Pita, desprazouse ás instalacións do convento de Baltar, na parroquia do Val, xunto con representantes da Asociación Terra Rendible, entre eles o actual presidente, Manuel Fernández, para analizar a viabilidade de desenvolver na zona un proxecto de agricultura ecolóxica.
Pita explicou que “as instalacións presentan actualmente un estado que permitiría levar a cabo alí o proxecto, que se vai concretar nos vindeiros meses para presentalo formalmente co fin de acadar os permisos necesarios para materializalo”.

A idea da que parte o proxecto é dar un impulso na zona ao sector primario, “como saída laboral para determinados colectivos como mozas e mozos ou persoas desempregadas”, tal e como avanzou Fernández, que destacou a “receptividade amosada dende o Concello para colaborar con nós”.

Para materializar esta proposta, sería preciso que se autorizase –a orde dos claretianos é a propietaria das instalacións- a apertura de alomenos parte do recinto para realizar a formación teórica e, ao mesmo tempo, otra zona para levar a cabo a parte práctica deses obradoiros que impartirían profesionais en agricultura ecolóxica, co fin de impulsar este tipo de actividade en Narón.

O edil naronés asegurou que se trata “dunha moi boa iniciativa coa que poderiamos colaborar dende o Concello porque consideramos que sería un novo proxecto que se sumaría a outros xa en marcha e que tamén contribuiría a potenciar o rural naronés”. Así mesmo, Pita destacou a disposición do Concello para colaborar nesta iniciativa “que parte dunha entidade de Narón, con sede na parroquia do Val, e a través da que diversificaríamos as actividades que se levan a cabo na cidade”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …