Por unha mobilidade segura

Coa recuperación da normalidade, tras meses de confinamento, o transporte público entra de novo nas nosas vidas para facilitar os desprazamentos cotiáns.

Son moitos os cidadáns que cada día volven empregar o autobús, o ferrocarril ou o taxi para achegarse aos postos de traballo, a centros administrativos, aos equipamentos sanitarios ou aos espazos comerciais.

Desde comezos de maio estase a observar unha tendencia de crecemento na utilización do transporte público, ao terse duplicado xa o número de viaxeiros con respecto ao período de confinamento.

Nunha comunidade como Galicia, caracterizada pola súa dispersión xeográfica e polo envellecemento da poboación, cobra aínda máis relevancia a eficacia do sistema de transporte público.

Viaxar con confianza

Debemos e podemos viaxar no transporte colectivo con confianza. Para isto, os profesionais do sector e a Administración traballan da man na implantación de medidas de protección fronte ao coronavirus.

Estas iniciativas adoptadas teñen como obxectivo garantir unha mobilidade segura, tanto para os profesionais deste ámbito como para os viaxeiros.
Porque nestes tempos excepcionais, empregar os medios de transporte, do mesmo xeito que outras accións rutineiras, implica facelo de modo preventivo e aí os viaxeiros tamén deben cumprir co seu cometido.

A distancia física, o uso de máscaras e o incremento das medidas de hixiene son regras que xa estamos a incorporar ao noso día a día. Estes hábitos na rúa ou no supermercado tamén teñen que estar presentes no uso do transporte.

Tarxetas ou dispositivos electrónicos

Para evitar no posible os contactos e blindar a seguridade, é recomendable engadir a estes costumes o pago das viaxes con tarxetas ou dispositivos electrónicos.

Os galegos xa veñen empregando no autobús tarxetas como a TMG ou a «Xente Nova», coas que a Xunta fomenta o uso do transporte público, contribúe á economía das familias e impulsa unha mobilidade máis sustentable.

A TMG vén permitindo nos últimos anos descontos nas tarifas das viaxes dentro das áreas do Plan de Transporte Metropolitano. Estes incentivos chegarán nos vindeiros meses a toda a comunidade, grazas á implantación do Plan de Transporte Público de Galicia na súa totalidade.

Coa tarxeta «Xente Nova» os menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses interurbanos. Ata agora só era posible nas áreas do Transporte Metropolitano (A Coruña, Vigo, Santiago, Lugo e Ferrol), pero está a estenderse progresivamente ao conxunto da Autonomía.
No marco desta expansión, dende o 15 de xuño este dispositivo xa pode empregarse en toda a provincia de Ourense e na área de Pontevedra. Ao final de ano estará funcionando en toda Galicia.

Estas tarxetas, ademais de achegarlle á cidadanía vantaxes económicas e sociais, están a constituír actualmente un método de pago máis seguro para evitar posibles contaxios.

Elementos de protección

O nivel de ocupación do transporte público tamén foi evolucionando de xeito paralelo á progresión da pandemia. A día de hoxe, os usuarios dos autobuses poden facer uso da totalidade dos asentos, pero sen esquecer a máscara.

Tamén os taxis ou os vehículos de turismo con condutor voltaron á normalidade, pois os viaxeiros xa poden usar todos os asentos, mesmo o do copiloto, aínda que este debe ser o último en empregarse.

Nestes vehículos, ás medidas de hixiene e prevención establecidas súmase a disposición de pantallas protectoras, que proporcionan maior seguridade tanto aos taxistas como aos usuarios, ao minimizar o contacto entre ambos.

Para colaborar no financiamento destes elementos de protección, a Xunta ten aberta unha orde de subvencións dotada de 300.000 euros co fin de instalar ata 4.000 pantallas.

Un papel esencial

O sector do transporte de viaxeiros é unha actividade económica punteira que xera emprego e riqueza na comunidade. Pero tamén supón a vertebración dos territorios, a cohesión social e a mellora da calidade de vida das persoas.

O transporte público, precisamente, está a desempeñar un papel esencial na volta da sociedade á normalidade, facilitando estes días os reencontros co traballo, a familia ou os distintos servizos.

Para isto, cómpre dispoñer dunha rede de transporte público que responda ás necesidades dos cidadáns, pero ademais neste período que estamos a vivir, debe primar a mobilidade segura.

As Administracións veñen reforzando o diálogo co sector, a implantación de medidas de protección e as campañas de concienciación para garantir os desprazamentos seguros, pero isto non é suficiente.

É preciso sumar os esforzos do conxunto da sociedade, polo que está nas mans dos cidadáns tomar as precaucións necesarias. Debemos actuar con responsabilidade, por nós e polos demais.

Lea también

La CIG convoca una quincena de manifestaciones el 1 de mayo por el «trabajo digno» y para decir «no a la guerra»

La movilización central será en A Coruña, saliendo desde a Praza de Vigo y en …