A alcaldesa e o edil de Deportes recibiron aos integrantes do Club de Remo Narón que participarán na LGT

Recepción na Praza de Galicia ao Club de Remo Narón | Concello de Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, participaron esta tarde na presentación do novo equipo da traiñeira Sénior do Club de Remo Narón. A convocatoria tivo lugar na Praza de Galicia, ata donde os representantes do citado club se trasladaron coa embarcación.

O presidente do Club de Remo Narón, Martín Martínez, agradeceu a colaboración do Padroado de Deportes de Narón coa entidade e explicou que o equipo Sénior conta con vinte e un integrantes, dos que catorce competirán nesta traiñeira. O equipo Sénior (Liga B) competirá esta fin de semana, concretamente o domingo 19 na praia de Arealonga, en Chapela, na Liga Galega de Traiñeiras, que comezará a véspera, o sábado 18 en Boiro, baixo fortes medidas de seguridade e un protocolo preventivo da Federación Galega de Remo pola pandemia da Covid-19. Os naroneses competirán con remeiros de Chapela e Castropol na primeira tanda da Liga B (con nove clubs). A traxectoria será por un percorrido de tres millas náuticas –uns 5.600 metros- e en catro largos e comezará ás 12.00 horas.

A alcaldesa e o edil de Deportes conversaron cos integrantes do Club de Remo Narón sobre os condicionantes que afectarán ás diferentes probas deportivas debido á pandemia. Así mesmo, Ferreiro, destacou a traxectoria do club naronés, ao que desexou, ao igual que Oreona, moita sorte na Liga Galega de Traiñeiras.

A rexedora local incidiu na aposta do goberno local para apoiar dende o Padroado de Deportes ás entidades e clubs da cidade, dos que valorou “o labor que desenvolven ao longo do ano e tamén o feito de que nas súas respectivas modalidades, representen con orgullo ao Concello naronés en cada unha das competicións e eventos nos que participan”.

Lea también

O Club Kang competiu na 6ª Edición Trofeo Kickboxing Ribeira Sacra

Este sábado o Club Kang, clubes de taekwondo e Kickboxing, con sede en Fene e …