O Concello de Narón pagou as primeiras axudas concedidas a empresas e persoal autónomo do programa “Narón impulsa”

O Concello de Narón realizou na mañá deste mércores o pago das primeiras axudas concedidas a pequenas empresas, microempresas e autónomos da cidade a través do programa municipal “Narón impulsa”. Nesta primeira quenda aboáronse, tal e como indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, as contías estipuladas para as 60 solicitudes que cumpriron todos os requisitos recollidos nesta convocatoria, dotada cun total de tres millóns de euros.

“En función da entidade bancaria a través da que cobren, a partir deste mércores as
persoas que presentaron esas 60 solicitudes terán ingresado o importe concedido, que pode ser de 2.000, 3.000 ou 4.000 euros, según o caso e que, no conxunto desta primeira quenda de pagos supón un desembolso de 141.000 euros”, asegurou Ferreiro.

En total rexistráronse 751 solicitudes a esta convocatoria, impulsada para “paliar os devastadores efectos que a crise da Covid-19 tivo entre o sector, moi afectado polo cese da súa actividade nalgúns casos ou por ver mermada a súa facturación considerablemente, neste caso para poder solicitar as axudas en alomenos un 75%, tras decretarse o estado de alarma”, apuntou a rexedora local.

A alcaldesa recordou tamén que os departamentos pertinentes traballaron estes días na revisión doutras 468 solicitudes entregadas en prazo pero que tiveron que subsanar algún erro ou aportar documentación a maiores. “Neste caso unha vez comprobadas de novo todas as solicitudes subsanables procederase a ordenar os pertinentes pagos para que á maior brevidade reciban o importe que lles corresponde, previsiblemente ao longo da vindeira semana”, explicou.

O importe das subvencións organizouse en función de varios baremos, establecéndose tres contías según os requisitos establecidos. Deste xeito, recibirán, no caso de cumprir todos eses requisitos, 2.000 euros as persoas físicas ou xurídicas sen persoal por conta allea ao seu cargo ou con ata dous traballadores/as a 1 de marzo deste ano; de 3.000 as persoas físicas e xurídicas con entre 3 e 9 traballadores/as tamén a 1 de marzo e, as máis elevadas, de 4.000 euros para o mesmo colectivo pero cun cadro de persoal de entre 10 e 49 empregados/as a 1 de marzo deste ano. Unha vez recibidas
estas axudas os perceptores das mesmas deberán presentar no mes de xaneiro do vindeiro ano documentación xustificativa de que cumpriron as obrigas establecidas nas bases da convocatoria do programa “Narón impulsa”.

Ferreiro destacou o importe da contía que se reservou dende a administración local tras decretarse o estado de alarma, o pasado mes de marzo, tres millóns de euros “para tratar de axudar a paliar esta difícil situación a todos os empresarios/as e autónomos/as da cidade, un sector moi representativo e ao que quixemos respaldar na medida do posible con este programa municipal”. A alcaldesa agradeceu o labor do persoal que, dende os diferentes departamentos municipais, traballou neste programa municipal.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …