O Concello de Narón suspende a celebración da Feira do Motor debido á actual situación sanitaria

 O edil de Sanidade e Feiras do Concello de Narón, Santiago Galego, anunciou a suspensión da celebración da primeira edición da “Feira do motor de Narón”, convocada para os días 5 e 6 de setembro no polígono de Río do Pozo. O edil naronés explicou que “debido á actual situación sanitaria, ante o constante incremento de casos activos de Covid-19 nos últimos días, decidimos cancelar este evento, para o que trataremos de buscar unha data en canto a situación sanitaria permita ofrecer todas as garantías para o desenvolvemento desta feira”.

A concellería de Feiras organizou o evento conxuntamente coa de Promoción Económica, presidida polo edil David Pita. A convocatoria tiña como obxectivo impulsar a venda de vehículos –de ocasión, novos, quilómetro cero, motocicletas, autocaravanas…- e de artículos de sectores vencellados ao mundo do motor. “A nosa intención de colaborar co sector é firme, polo que en canto sexa posible convocaremos de novo este evento”, asegurou Galego, que solicitou de antemán desculpas polas molestias que se puideron ocasionar ás persoas que xa tiñan confirmada a súa participación como expositores.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …