As mariscadoras de Cedeira e Valdoviño lideran un proxecto de recuperación dos bancos marisqueiros dos dous municipios

Os Concellos de Cedeira e de Valdoviño están a colaborar nun proxecto de recuperación dos bancos marisqueiros dos dous municipios impulsado pola Confraría de Pescadores de Cedeira e as Mariscadoras a Pé, axentes activos da iniciativa. O proxecto, que conta co respaldo da Consellería do Mar, está financiado nun 75% polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP).

O obxectivo principal é a retirada do lixo mariño, tanto o de procedencia do sector
pesqueiro como vellas artes de pesca e embarcacións como o de orixe cidadá e, para iso, as mariscadoras e mariscadores realizarán de aquí a decembro unha serie de saídas para a recollida dos residuos.

A primeira tiña lugar a semana pasada, coa participación de 15 persoas, na zona do Funil, en Pantín. É precisamente esta unha área a recuperar, hoxe moi degradada pero que co traballo a realizar nos próximos meses preténdese recuperar e pór en valor como banco marisqueiro. De alí retiraron máis de 4 toneladas de madeira e ferro, pero tamén moitos outros residuos que é difícil imaxinar. As mariscadoras tiveron tamén que cuantificar e clasificar o lixo por tipoloxía e, unha vez pesado, foi depositado nos contedores que habilitou nesta ubicación o Concello de Valdoviño. Unha acción pola que o colectivo percibirá unha retribución equivalente a unha xornada de traballo.

Así mesmo, o proxecto tamén contemplou diversas accións de formación previa para as mulleres e homes participantes e, nestes momentos, estase a traballar na elaboración dunha guía de boas prácticas e dun tríptico informativo para difundir entre a veciñanza e tamén o sector (compradores de lonxa, distribuidores de produtos pesqueiros, transportistas…).

Este material, xunto á cartelería, configurarán unha campaña de sensibilización
e concienciación respecto á necesidade de preservar o noso medio natural, neste caso tamén motor económico a través da creación de emprego vencellado.
Estas accións son claves tanto para o traballo das mariscadoras e todo o sector así como para o futuro do mar e para concienciar á cidadanía do problema e se responsabilice, porque o lixo é de todos e todos somos responsables.

Lea también

Jornada de iniciación al surf en la playa de Pantín, Valdoviño

Santiago de Pantín Surf School organiza una jornada de iniciación al surf el próximo sábado  …