A alcaldesa de Narón recibiu a integrantes do xurado do certame “Vilas en flor Galicia 2020”

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, recibiu na tarde deste mércores no Concello xunto co edil de Servizos, Ibán Santalla, a dous integrantes do xurado do certame “Vilas en flor Galicia 2020”, Isabel Aguirre, directora da Escola Galega de Paisaxe Juana de Vega, e Manuel Rodilla, arquitecto técnico cunha ampla traxectoria en recuperación de paisaxes culturais. O Concello adheriuse o pasado mes de xuño a esta iniciativa, organizada pola Fundación Juana de Vega coa Asociación de viveristas de Galicia (Asvinor) e da Asociación Gallega de Empresas de Xardinería (Agaxear).

Ferreiro valorou os obxectivos deste proxecto, que aposta por poñer en valor os municipios galegos a través da calidade dos espazos verdes que se localizan nos mesmos e, a modo de presentación, visionou xunto co edil de Servizos e os representantes do xurado un vídeo turístico de Narón. A continuación a alcaldesa destacou o traballo que en materia de mantemento de zonas verdes se está realizando dende o goberno local, así como na habilitación de partidas para habilitar novos parques e xardíns no termo municipal, tanto na zona urbana como na rural. Así mesmo, a rexedora local avanzou algúns dos proxectos que se levarán a cabo na cidade en materia medioambiental, como a unión dos paseos de Freixeiro e Xuvia polo borde
litoral e que contará con carril bici e zonas de esparcemento, entre outros servizos.

A maiores destas actuacións, tal e como recordou a alcaldesa, ao longo do ano organízanse varias actividades con diferentes colectivos, en centros de ensino e asociacións, por exemplo, para concienciar á cidadanía sobre a importancia de coidar o medio ambiente. Neste tipo de iniciativas implícase tamén a empresa concesionaria do servizo de mantemento de zonas verdes na cidade e tamén outras empresas que participan en actos organizados dende o propio Consistorio, como a Feira sectorial de Sedes, ou a Mostra da Camelia.

Ao termo da xuntanza que tivo lugar no Concello os integrantes do xurado, acompañados polo edil Ibán Santalla, realizaron un percorrido por diferentes espazos verdes e puntos de interese turístico e patrimonial da cidade, co fin de valorar –e puntuar- eses espazos de cara á próxima concesión dos galardóns deste certame, as Flores de Honor.

Lea también

En Narón-A alcaldesa asinou un convenio de colaboración coa Fundación Terra de Trasancos

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou un convenio de colaboración co presidente da Fundación Terra de …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *