O Santiago sedente do cruceiro de Centroña

José Fonte Sardiña
Conta Castelao que hai tres modelos iconográficos do Noso Señor Santiago (podemos velos nas imaxes que abaixo aparecen dos templos parroquiais de Boebre e Pontedeume, que o teñen por padroeiro). “Europa representou ao Apóstolo Sant-Iago a semellanza dos seus pelegríns, con esclavina e chapeu cobertos de cunchas-vieiras, un bordón na man direita e un libro na esquerda; os pés descalzos i en actitude de andar […], a modo de santo protector dos camiños, símbolo da alma viaxeira de Europa. Hespaña […], a semellanza dos guerreiros da Reconquista, montado nun cabalo branco e brandindo unha espada, terror de sarracenos, xa vencidos e derrubados no chan […], único caso dun Apóstolo de Cristo representado en forma pouco evanxelizadora. Galiza[…], a semellanza dos Patriarcas, sentado en maxestade, un bastón na man esquerda e un pergameo na direita, a cabeza erguida, os ollos enfiados cara ao iñoto Oucidente e os versos a repetiren aquel psalmo de David: No mar están os teus camiños e nas moitas augas as túas sendas” (Castelao: “Sempre en Galiza”, Libro IV, capítulo I, primeira edición Buenos Aires, 1944, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, A Coruña, 2001, t. II, p. 247 e 248).

Segundo Castelao, “os santos máis amados pol-o povo galego son fillos do país ou
deixaron alí o ronsel do seu tránsito ou a lembranza dos seus miragres” (Castelao: “As cruces de pedra na Galiza”, primeira edición póstuma, Buenos Aires, 1950; citado pola versión de Galaxia, Vigo, 1984, p. 138). Entre os primeiros, encabeza a súa nómina o galego Paio, que foi degolado por Abderramán III (912-929) por negarse a practicar a pederastia e sodomía e a renunciar á súa fe; entre os segundos, destacou por riba de todos eles a figura do apóstolo Santiago que, segundo a tradición, chegou ao noso Finis Terrae para predicarlles o Evanxeo ás súas xentes e está enterrado no seu santuario de Santiago de Compostela. Xa que logo, “os santiños dos cruceiros galegos teñen un non sei qué propio do país. Sí, na vara dos cruceiros galegos están presentes, en pedra esencial, as mesmas imaxes que se veneran nas ermidas dos montes ou nos santuarios da zona. Son os santiños amigos, que sandan as doenzas do corpo e do espírito, os benfeitores do agro e das facendas, aos que as xentes enxebres fan romería e respetan como seus advocados” (Idem, p. 139). No Concello de Pontedeume a figura de Santiago sedente e en maxestade aparece no fuste anverso dos cruceiros parroquiais de Centroña e mais de Boebre e a de Santiago peregrino, no parque do Muíño de Centroña. Ademais, no cruceiro da praza das Angustias, Santiago foi representado sedente e en maxestade no reverso da cruz (Nas imaxes, o Apóstolo nos cruceiros de Boebre, O Muíño e As Angustias).

Baixando cara á igrexa de Santa María de Centroña, erguido sobre catro chanzos por
cadansúas caras, nunha encrucillada, a carón dunha fonte con pía para lavar moi ben
restaurada e conservada, e pouquiño antes do túnel da ponte de pedra do ferrocarril,
disponse o cruceiro parroquial (Fotos de Lola).

A figura de Cristo cravado na cruz, que se orienta cara ao templo mariano, preside o
lado anverso. A imaxe do Redentor presenta un certo hieratismo. O rostro de Xesús,
barbado e con longa melena, disponse, como é preceptivo, cara ao lado dereito,
lixeiramente inclinado e cos ollos pechados, indicando que xa lle entregara a súa alma
ao Pai. Na posición dos brazos estendidos e suxeitos cos cravos á cruz é onde se percibe con máis claridade o devandito hieratismo. O seu escuálido corpo, só cuberto por un pano de pureza anoado ao lado dereito, deixa ver as costelas, pero non se percibe a ferida da lanza de Lonxinos pola que verteu o seu prezado sangue. As pernas xúntanse á altura dos xeonllos e só se cruzan para que o pé dereito monte sobre o esquerdo e un único cravo sexa o que os espete na cruz salvadora na que remata a súa Paixón. A coroa de espiño, que lle cingue a cabeza, e o letreiro situado na parte superior da cruz, no que cómpre supoñer que estaba inscrito o acrónimo INRI, porque non se chega a ler, certifican que Cristo é rei, malia que o seu Reino non sexa deste mundo. No capitel está representada, nas catro caras, a cabeza dun anxo rodeada de follas de acanto como elemento decorativo.

No trono celeste, gañado polo seu martirio pola espada, pero tamén polo sacrificio de
Xesús, está representada a figura de Santiago sedente e en maxestade no anverso do
varal do cruceiro, debaixo do Redentor, dun xeito practicamente idéntico que no
parteluz do Pórtico da Gloria, onde foi colocado baixo a imaxe do Salvador que
mostraba as chagas da súa Paixón. O fuste forma un prisma hexagonal desde o capitel
ata a efixie sedente do Apóstolo e a partir desta presenta só catro caras. O rostro
barbado de Santiago, que deixa ao descuberto unha ampla fronte, aparece nimbado,
como símbolo da súa santidade, e a auréola está decorada con pequenos vultos pétreos, que lembran as pedras preciosas que orlan a do parteluz do devandito Pórtico da Gloria na catedral. Como o seu modelo compostelán, o do cruceiro de Centroña viste unha humilde túnica e porta na man dereita o pergameo no que estaban gravados o seu nome ou as Sagradas Escrituras e na esquerda, o bordón con forma de tau, que tamén utilizan como símbolo da cruz os irmáns da Orde de San Francisco, peregrino a Compostela no ano 1214 e impulsor da hospitalidade no Camiño Xacobeo. A figura do Apóstolo disponse sobre unha pequena peaña e debaixo dela está esculpida a estrela de seis puntas que alumeou o sepulcro que gardaba os seus restos no Locus Sancti Iacobi e que lles permitiu ao eremita Paio e ao bispo Teodomiro (¿810?-847) descubrir, de xeito milagroso, o prezado tesouro das súas sagradas reliquias. Así e todo, Burgoa Fernández di que é un “antigo símbolo grego e romano da divindade” (Burgoa Fernández: ‘Cruceiros e cruces de Pontedeume. Apuntamentos históricos, artísticos e etnográficos’, “Cátedra”, 5, Pontedeume, 1998, p. 52).

O cruceiro mostra na cruz do seu reverso a imaxe da Virxe do Carme, sobre unha
pequena peaña situada enriba do capitel. O motivo polo que aparece representada nesta advocación e non na da Asunción, que é a patroa da parroquia, como no cruceiro do parque do Muíño, cómpre atribuílo á forte tradición mariñeira de Centroña e á
proximidade das augas da ría de Ares ao templo parroquial. A Nai de Deus cobre o seu
corpo cunha túnica e un amplo manto e está coroada de Gloria. Leva no seu colo,
suxeito co brazo esquerdo, o seu Fillo neno, que semella esbozar un pequeno sorriso. Da man dereita da Nai de Deus pende o seu escapulario bendito. A Virxe fixo a promesa de que quen o levase consigo no momento da súa morte non sufriría as penas do Inferno. Así aparece en moitos petos de ánimas espallados por toda Galicia a imaxe da Virxe do Carme rescatando as benditas ánimas do Purgatorio co escapulario nas mans.

Como afirma Castelao, “non é que na Galiza se deixe de pensar no Inferno; pero
preferimos o Purgatorio e non deixamos de saber cánta é a fondura do abismo que
arreda o ben do mal. En Galiza o demo non é un persoaxe tan terribel como se pinta,
porque o vemos vencido baixo os pés de San Miguel […]. A idea consoladora do
Purgatorio responde moito mellor que o terribel Inferno âs creencias saudosas e antergas do povo galego, concordando íntimamente cos fondos insobornables da nosa relixiosidade […]. A idea do Purgatorio produxo a espansión dos cruceiros e a
invención dos retábulos das Ánimas, que na veira dos camiños demandan esmolas e
preces” (Idem, 133-135).

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …