Homenaxe a Carvalho Calero nos trens AVE e nas estacións de 7 localidades galegas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou este venres na Coruña a campaña posta en marcha pola Xunta de Galicia e Renfe Viajeros para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero no marco da Semana das Letras Galegas que este ano, de xeito excepcional, se está a celebrar en outubro. Así, a través desta iniciativa os repousacabezas de 13 trens de alta velocidade do corredor atlántico A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e do corredor Avant A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense lucirán a imaxe da campaña institucional durante un mes.

Ademais, o autor ferrolán terá presenza nas estacións de tren de sete localidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Ferrol e Monforte de Lemos) a través da exhibición das mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade: Recordando Carvalho Calero, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo e Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello de Ferrol.

Durante o acto de presentación, o titular de Política Lingüística destacou que a colaboración con Renfe Viajeros no marco da programación institucional das Letras Galegas renóvase por terceira vez “para facer extensivo o tributo a Carvalho Calero e visibilizar e dinamizar a lingua galega tanto desde o sector da importante rede de transportes como das persoas usuarias”.

Lea también

Fene conmemora o Día do Libro con maxia para soñar

Cun “espectáculo sorprendente, para gozar en familia, no que o ilusionista Mago Marco proporá unha viaxe …