Xoán Curiel e Charo Pita traen este domingo a Valdoviño “Teatro dos Vieiros”

No marco da programación deseñada polo Concello de Valdoviño con motivo das Letras Galegas, Xoán Curiel e Charo Pita traerán ao municipio este domingo o seu espectáculo «Teatro dos Vieiros». Unha función, incluída na Rede Cultural da Deputación provincial da Coruña, que se celebrará no auditorio da Casa da Cultura, dirixida a un público familiar, a partir das 18 horas.

As persoas interesadas en asistir poderán retirar as súas invitacións a partir de este martes, día 3, e ata o venres na Casa da Cultura, en horario de 11 a 14 horas, ou ata esgotar prazas, moi limitadas polas restriccións de aforo impostas pola covid-19.

O espectáculo pon en valor a lingua galega e a cultura popular e baséase nunha
iniciativa que implantou Ricardo Carvalho Calero cando dirixía o Colexio Fingoi de Lugo, entre 1950 e 1965. Consistiu en pedirlle aos nenos e nenas dese centro de
ensino que recollesen os contos populares que escoitaban nas súas casas ou nas
dos seus familiares máis achegados. Pretendía así que os/as cativas e as súas
familias valorasen a cultura de seu, por iso a puxo nun libro e, ao mesmo tempo,
o lingüista non quería desaproveitar a oportunidade de coñecer as diferentes
variantes idiomáticas que se daban nas zonas das que procedía o seu alumnado.

A proposta acadou tanto éxito que foron moitos os mestres e mestras doutros
colexios e escolas, da provincia de Lugo, que quixeron apoiala e contribuir cos contos que tamén eles recolleron dos cativos e cativas que tiñan ao seu cargo.
Naqueles tempos traballaba no Fingoi o poeta cangués Bernardino Graña, que foi
o que se fixo cargo da edición do libro.

Deste xeito, os obxectivos deste espectáculo coinciden, en gran medida, cos que no seu día se propuxo Carvalho Calero. Así, amosa ao público o gran valor da nosa cultura popular achegando unha escolma de contos que entreterán, divertirán e, o que é máis importante, permitirán tirar unha aprendizaxe aproveitable na súa experiencia cotiá. Doutra banda, tamén amosarán a riqueza da nosa lingua a través das variantes que se dan no mapa sociolingüístico de Galicia, e que pode supor o descubrimento dun pequeno tesouro para moitos dos participantes.

Así, nesta peza teatral conviven música e narración oral. E, tamén, estarán presentes, sobre todo a través da música, momentos e anécdotas relevantes da vida de Ricardo Carvalho Calero.

 

Lea también

Charla “En marcha por un futuro saudable” en Neda

El Concello de Neda, organiza este miércoles, día 19 de enero, la charla “En marcha …