O BNG presenta unha moción pedindo incrementar o investimento en Ferrol nos orzamentos do Estado

Iván Rivas e María do Mar López en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol defenderá na sesión plenaria de mañá unha moción que busca un compromiso dos grupos municipais da cidade para incluir nos orzamentos do Estado para o vindeiro ano partidas específicas de investimentos para a cidade «e o compromiso por parte destes grupos de defender estas propostas tamén no Congreso dos Deputados«.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, emprazou ao alcalde da cidade, Angel Mato, a apoiar esta iniciativa que contempla 100 millóns de euros para a transformación de Navantia «nun complexo industrial integral que teña a capacidade de actuar no ámbito da construción naval civil«. Unha partida «imprescindíbel para a modernización dos estaleiros que paralelamente debería levar asociada unha actuación tendente a inserir os estaleiros de Navantia no mercado mundial da construción naval civil«.

Iván Rivas lembroulle a Mato que o pleno municipal «é o foro adecuado para expoñer as iniciativas e as propostas de cada grupo político para saber se contan co respaldo da corporación ou non en vez de facer roldas de prensa«. A iniciativa do BNG insta aos grupos con representación no Congreso dos Deputados a asumir tamén o compromiso de apoiar esta iniciativa en Madrid «xa que se non continuariamos perpetuando o engano da dobre linguaxe dos partidos e alcaldes que din defender unha cousa aquí e outra en Madrid» e insistiu en lembrar que Navantia «é unha empresa publica que se financia con fondos públicos, dependente do Estado, e que conta a dirección da mesma depende directamente do goberno central

O BNG ademais dos 100 millóns de euros para para a transformación de Navantia nun complexo industrial integral da construcción naval, inclue na súa iniciativa a partida de 1 millón en concepto de compensación á cidade de Ferrol pola ocupación de terreos de Defensa «que pese a ser aprobada por unanimidade no pasado pleno municipal, ningún grupo, agás o BNG, defendeu esta proposta no Congreso«.

Outras propostas son: 20 millóns de euros para iniciar os traballos de modernización da liña de ferrocarril Ferrol-A Coruña; 10 millóns de euros para a mellora e modernización da liña ferroviaria Ferrol-Ribadeo; 1 millón de euros para o proxecto de limpeza, rexeneración e eliminación de barreiras da ría de Ferrol; 1 millón de euros para o proxecto de transformación do sistema de saneamento de Ferrol nunha rede separativa.

Lea también

‘Pingüin’ nova proposta de Afundación para escolares en Ferrol

El Auditorio de la Sede Afundación de Ferrol acoge la última propuesta escénica de la …