Narón-A alcaldesa valora a implantación dunha nova liña de autobús que mellora o servizo de transporte do alumnado do Val e San Mateo

A nova liña de autobús con paradas en San Mateo e O Val para facilitar os desprazamentos de estudantes dos institutos das Telleiras e Terra de Trasancos comezará a funcionar o vindeiro mércores, día 16. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, indicou que a Xunta de Galicia atendeu a solicitude formulada dende o Concello para dar servizo a un colectivo que disporá dende esta semana dunha liña que funcionará de luns a venres ás 7.45 horas, podendo así chegar ao inicio das clases nos citados institutos locais.

Ferreiro recordou que dende o goberno local, concretamente as áreas de Transportes e Ensino, presididas por Mar Gómez e Mercedes Taibo, respectivamente, xa se trasladou hai tempo esta demanda á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, atendendo a unha petición formulada no seu día tralas conversas mantidas con representantes das asociacións de veciños “Os Cruceiros”, de Castro, “Os Irmandiños”, do Val, da Agrupación Veciñal de San Mateo e das Anpas “Castelao”, do IES As Telleiras, e “Pérez Alberti”, do IES Terra de Trasancos.

O goberno local presentou no seu día alegacións ao anteproxecto do Plan de Transporte Metropolitano nas que se recollían as achegas dos citados colectivos e que foron atendidas parcialmente dende a administración autonómica, debido a que o alumnado que se desprazaba aos institutos naroneses dende O Val e San Mateo carecía dun horario que lle permitise chegar en tempo ao inicio das clases”, apuntou a rexedora local.

Dende o Concello estívose en contacto permanente coa empresa adxudicataria do servizo, que consideraba que era viable esta liña, polo que se continuou reclamando a súa posta en marcha. A alcaldesa valorou a dispoñibilidade da compañía e tamén o feito de que finalmente a Xunta atendese a solicitude formulada dende o Consistorio. “É moi importante este novo servizo porque ata o de agora, tal e como lle trasladamos á Dirección Xeral de Mobilidade, as rapazas e rapaces matriculados nos institutos de Narón tiñan unha única opción para chegar ao inicio das clases, que era coller a ruta das 6.20 horas, o que supoñía que tivesen que esperar case unha hora dende que o bus os deixaba no instituto ata que comezasen as clases”.

A alcaldesa destacou tamén a colaboración das entidades veciñais e das Anpas dos IES da cidade “para lograr que finalmente o alumnado dispoña dun servizo en condicións”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …