Narón-A alcaldesa insta a solventar o problema de aglomeración de persoas no exterior do centro de saúde

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou na mañá deste mércores nunha nova reunión con responsables da Consellería de Sanidade, o xerente da Área Sanitaria de Ferrol e integrantes dos gobernos locais de Ferrol e As Pontes para valorar a actual situación sanitaria. A rexedora local interesouse novamente polo problema derivado da aglomeración de persoas no exterior do centro de saúde do Alto.

O xerente da Área Sanitaria de Ferrol, Ángel Facio, asegurou que esta mesma problemática se rexistra noutros concellos e que se está traballando nos controis de aforos conxuntamente cos responsables dos centros de saúde. Facio indicou que se reforzou a contratación de persoal de servizos xerais para poder regular as entradas e explicou tamén sobre os aforos que se incidirá en que a xente non acuda aos centros con moita antelación, distanciar as citas presenciais e manter as consultas telefónicas. Así mesmo, traballarase en reestablecer o aforo das salas para facilitar que a xente poida esperar, mantendo todas as medidas sanitarias, no interior dos centros de saúde.

A alcaldesa agradeceu que se estea axilizando a solución a este problema, que vén de meses atrás, co fin de evitar as esperas que en ocasións se rexistran fóra das instalacións sanitarias.

Lea también

Contacontos no CPR Santiago Apóstol de Narón

A escritora e mestra, Paula Merlán, visitou na xornada deste xoves aos alumnos e alumnas …