Narón-A licitación as obras de mellora da envolvente térmica do Centro de Formación “Irmás Froilaz”

O Concello de Narón licitou o proxecto de mellora da envolvente térmica do Centro de Formación “Irmás Froilaz”, na Gándara, por un importe de 372.063 euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 25 ás 23.59 horas a través da Sede Electrónica do Concello –sedeelectronica.naron.es-.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que se trata dunha intervención que se cofinanciará con fondos Europeos do programa operativo Feder, tras solicitar a pertinente subvención dende o Consistorio ao Ministerio de Transición Ecolóxica.
“A actuación proxectada nestas instalacións permitirá mellorar as súas
características térmicas ao actuar sobre a envolvente do edificio”, explicou a
rexedora local. Substituiranse todas as planchas de fibrocemento da cuberta –e o resto de elementos desa zona- por un panel sándwich de chapa e tamén se cambiará o canalón do lado oeste por un exterior e, a maiores, disporase un sistema integral de fachada con illamento no exterior, substituiranse as ventás da fachada oeste por carpinterías e vidro máis eficientes e sanearase e pintarase o interior dos parámetros da envolvente, tal e como consta no citado proxecto.

A actuación contempla ademais melloras no interior do edificio, entre as que están a compartimentación da aula de cociña, na que se habilitará unha nova fiestra que permitirá mellorar a iluminación no espazo resultante.

A nave do Centro Municipal de Formación “Irmás Froilaz” ten unha superficie de 4.131 metros cadrados, ocupando en planta preto de 2.000 metros cadrados. Nas instalacións desenvólvense ao longo do ano varios cursos do Programa Municipal de Formación e tamén outros convocados dende o Concello en colaboración con outras administracións e tamén se ceden espazos a centros de ensino, a través dos pertinentes convenios, para o desenvolvemento de accións formativas.

“Os traballos que se van levar a cabo permitirannos realizar unha importante mellora nestas instalacións municipais e solventar algúns problemas de humidades no edificio ao mellorar as súas características térmicas”, asegurou Ferreiro.

Lea también

Narón-La Policía Nacional detiene a ocho integrantes de un clan familiar por tráfico de drogas

Funcionarios de la Comisaría del Cuerpo Nacional de Policía de Ferrol-Narón realizaron un operativo en …