Narón-Asinado un convenio con ASIME para desenvolver accións formativas dirixidas a persoas desempregadas

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o secretario xeral da Asociación de Industrias del Metal y tecnologías asociadas de Galicia (Asime), Enrique Mallón, asinaron este venres o acordo de colaboración entre o Concello e a citada asociación de empresas, vencellado á Formación e emprego e Acción Social. No acto estivo tamén presente a concelleira de Formación, Natalia Hermida.

Asime xestiona cursos de formación e cualificación e impulsa varias iniciativas a favor do emprego e da inserción laboral, dispoñendo dun servizo específico de orientación laboral para persoas desempregadas. Así mesmo, a citada entidade ten concedido pola Consellería de Emprego e Igualdade un Programa Integrado de Emprego (PIE) no que participarán trinta persoas desempregadas, das que 21 están inscritas en oficinas do SEPE correspondentes ao Concello naronés e empadroadas na cidade.

Enrique Mallón remarcou que “un dos obxectivos deste PIE é a mellora da empregabilidade, e para impartir as accións formativas previstas en condicións óptimas, será fundamental este acordo polo que o Concello nos cede as instalacións e equipamento do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara”.

Marian Ferreiro insistiu en que “este centro formativo acolle ao longo do ano unha gran variedade de accións formativas e, co fin de mellorar as instalacións, este mesmo ano imos destinar uns 100.000 euros a mellorar a súa accesibilidade e tamén o Concello cofinanciará con fondos europeos a mellora de habitabilidade e eficiencia enerxética, materializando un proxecto valorado nuns 370.000 euros”, recordou.

 

As actividades que con cargo ao PIE se acometerán no Centro Municipal de Formación son sobre Intelixencia emocional, Técnicas de coaching e motivación, Busca de emprego: autocoñecemento, ferramentas e recursos; Obrador entrevista: “role playing” e habilidades sociolaborais; Emprendemento; Mobilidade laboral: Xestión de stocks e almacén: Soldadura electrodo; Soldadura MIG/MAG; Soldadura TIG; Prevención de riscos laborais soldadura e Carretilla elevadora. Estas actividades realizaranse preferentemente en horario de mañá, dende o vindeiro mes de febreiro ata novembro deste ano, data de finalización do PIE, segundo as previsións tal e como se recolle no documento.

Dende Asime destacaron que “o sector metal ten un déficit de traballadores cualificados de 800 personas en toda Galicia, con especial demanda na eólica marina, naval, e maquinaria industrial, que precisan perfís que van dende electromecánicos a soldadores, tubeiros ou enxeñeiros. Con programas como este buscamos precisamente contribuir a solucionar a brecha existente entre demanda de perfís e cualificacións dos traballadores, xerando emprego e potenciando o crecemento do sector industrial”.

“A través deste convenio cederemos instalacións municipais a Asime para que as nosas veciñas e veciños poidan participar nestes cursos e mellorar a súa formación e, polo tanto, as súas posibilidades de cara a acceder ao mercado laboral”, recalcou a alcaldesa.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …