Castelao e as Piedades de dous cruceiros moi xacobeos de Pontedeume e Santiago

José Fonte Sardiña
Castelao, con máis razón ca un santo ―permitídeme a broma―, considera a cruz como “a parte principal dos cruceiros. Non somentes é o máis prezado obxecto da nosa
veneración; é tamén a fror e o froito, en pedra, da nosa arte popular. No anverso represéntase o supricio de Xesús; no reverso […], a door de María […]. Nos primitivos cruceiros de Galiza, todos eles de tipo gótico, percíbense as cruces procesionais trasladadas do metal â pedra […]. O cruceiro galego chegou a ser tal no século XVII, xa entrado na estética enxebre do noso país, cando se desprendeu dos bultos decorativos da cruz e aparesceu a Virxe das Angustias na cara envesa do crucifixo, é decir, cando se estabrece un equilibrio antre a door do Fillo e a door da Nai” (Castelao: “As cruces de pedra na Galiza”, primeira edición 1950, citado pola de Vigo, 1984, p. 146) (Debuxos realizados por Castelao dun Cristo e tres Piedades dos cruceiros galegos).

Afirma Castelao que durante a Alta Idade Media sempre aparecía Xesús Cristo na cruz
con catro cravos, conforme o testemoio de San Ciprián, que viveu no tempo en que
aínda se praiticaba o sacrificio da crucifixión; pero a partir do século XIII xa se
representou ao Redentor cos dous pés encravados xuntos e cun soio cravo, cicáis para conseguir un efeito de maior tortura […]. Nos cruceiros galegos e bretóns endexamáis se vé o crucifixo con catro cravos, senón con tres, ao xeito renacentista, coa particularidade de que sempre, sempre, o pé dereito sobremonta o esquerdo” (Idem, p. 151). O cruceiro de Melide, no que Cristo ten no anverso os pés sen cravos, separados e pousados no chan, e representa no seu reverso, no canto da Virxe, ao Salvador cos pés cruzados e cinguidos ao pétreo madeiro cun único cravo, é unha dobre excepción (Debuxo de Castelao do cruceiro de Melide, a dobre excepción no anverso e no reverso, e foto do anverso do cruceiro da parroquial de Santa María de Centroña, no Concello de Pontedeume, a norma).

Nas primeiras representacións occidentais do Crucificado, Xesús estaba aínda vivo, coa cabeza erguida, ás veces mesmo mirando cara ao Ceo, pero é a partir do século XIII cando se xeneraliza a figura de Cristo morto nas cruces de pedra. Como afirma
Castelao, “así se vé na inmensa maioría dos nosos crucifixos, dacordo coa narración
evanxélica, e nunca endexamáis […] coa cabeza deitada cara o lado esquerdo” (Idem, p. 152). Tamén aparece deste xeito a imaxe do Redentor no anverso dos cruceiros da praza das Angustias en Pontedeume e de Lamas de Abade en Santiago de Compostela dos que agora falaremos (Foto do cruceiro de Lamas de Abade de Carlos Rodríguez Pérez).

No tocante ao cruceiro eumés das Angustias, cómpre felicitar ao profesor De Castro
Álvarez polo seu interesante artigo ‘La necesidad de nombrar el espacio público: la
plaza de las Angustias de Pontedeume’, publicado o 19 de decembro do pasado ano en
“Enfoques”, no que achega unha foto de Tito Ríos, do 18 de xullo 1961, que obriga a
retrasar once anos a data da inauguración que apuntara primeiro Burgoa Fernández
(‘Cruceiros e cruces de Pontedeume. Apuntamentos históricos, artísticos e
etnográficos’, en “Cátedra”, V, Pontedeume, 1998, p. 48), logo o propio De Castro
Álvarez (“Calles, Plazas y Jardines de Pontedeume. Denominación, Morfología y
Actividad en el Espacio Público (1270-1970)”, Pontedeume, 2007, p. 200), seguindo a
teses daquel, e despois tamén eu mesmo (‘O cruceiro eumés das Angustias’, en “Galicia Ártabra Digital”, de 15 de febreiro de 2020), citando a eles os dous.

Asegura Castelao que “endexamais vin no reverso da cruz outra imaxe de santo que a daVirxe, nalgunha das súas advocacións; as máis das veces é Nosa Señora das Angustias con Xesucristo morto no colo” (Castelao: “As cruces de pedra na Bretaña”, primeira edición 1930, citado pola de Vigo, 1992, p. 32). Así acontece tamén nos devanditos cruceiros de Pontedeume e Lamas de Abade, nos que a figura da Virxe ten un tamaño algo maior có seu Fillo, como na meirande parte das desta tipoloxía que se poden atopar en Galicia, o que é xustificado por Castelao con razóns de carácter estrutural e sentimental. “Se a Piedade estivese pousada […], a súa silueta tería â forma triangular i entón a figura de Xesucristo aumentaría a forteza da base; pero a Piedade dos cruceiros dependurada, e os nosos artistas de pedra escolleron a forma romboidal para distribuiren mellor os pesos. En canto ao caráiter ideolóxico […], os nosos canteiros, deixándose levar pol-o sentimento, non podían maxinar un home no colo da nai. Para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e os fillos somos sempre pequenos no colo das nosas nais” (Castelao: “As cruces de pedra na Galiza”, op. cit., p. 164).

A condición de cruceiro xacobeo do da praza das Angustias de Pontedeume vénlle dada pola súa localización nunha encrucillada do Camiño Inglés e polo feito de que a imaxe da Virxe co seu fillo morto no colo está sustentada, a xeito de atlante, pola efixie do apóstolo Santiago en maxestade, sedente no trono celeste, “O Noso”, como deixou ben claro Castelao no seu debuxo publicado na primeira páxina do diario “Galicia” de Vigo, o 25 de xullo de 1923, en contraposición ao “D-eles”, o Matamouros ou Miles Christi dos españois.

Pola súa banda, a Piedade de Lamas de Abade presenta unha insólita imaxe de
peregrina, co sombreiro de aba larga, a capa e a esclavina, que imita a figura do
Santiago Peregrino que Castelao identificaba coa representación que do Apóstolo
adoitaban facer os europeos, e mostra, na propia cidade compostelá, meta dos Camiños de Santiago, o espírito universal da Ruta Xacobea.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …