Narón-O Concello destinará unha partida de 33.000 euros a instalar alumeado led na estrada do Feal

O Concello de Narón acometerá no primeiro trimestre do ano a substitución do alumeado público da estrada do Feal, a DP-5407. “Destinaremos unha partida de 33.000 euros a instalar alumeado led neste vial, que comunica a zona de O Ponto coa do polígono de As Lagoas”, explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro.

A rexedora local recordou que a materialización deste proxecto suporá o cumprimento dun compromiso adquirido no seu día dende o goberno local coa veciñanza da zona. “A partida orzamentaria xa está reservada para poder acometer uns traballos que nos permitirán continuar avanzando en materia de eficiencia enerxética en todo o termo municipal”, indicou. A alcaldesa destacou que ás melloras medioambientais pola redución de emisións de dióxido de carbono á atmósfera e ás económicas polo aforro de custes tanto na factura da luz como no mantemento, “súmase o feito de que a iluminación terá máis calidade neste vial, cunha elevada densidade de tráfico a diario e no que se localizan varias vivendas e un centro de ensino”.

Así mesmo, Ferreiro recalcou que “dende o goberno local continuaremos urxindo á Deputación da Coruña, titular do citado vial, que se axilice o proxecto de mellora da estrada do Feal, co que nos comprometemos tamén a colaborar dende o Concello para que canto antes sexa unha realidade”. A rexedora local incidiu na importancia de anchear o vial e dotalo de beirarrúas, “para así ofrecer maior seguridade tanto no referente ao tráfico rodado como ao tránsito peonil”.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …