Narón-A alcaldesa visitou as obras de urbanización do vial de acceso ao novo centro de saúde

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse ao Camiño do Lodairo para comprobar o avance das obras de urbanización do citado vial, a través do que se accederá ao novo centro de saúde. Ferreiro recordou que “o Consistorio naronés abonará uns 580.000 euros para materializar esta intervención, o que supón unha nova colaboración dende a administración local coa autonómica de cara á entrada en servizo das novas instalacións sanitarias”.

A intervención enmárcase no Plan Especial de Dotacións de Freixeiro e permitirá dotar a zona das infraestruturas necesarias, accesos para o tráfico rodado e peonil, e tamén dos servizos de abastecemento, saneamento, electricidade… “O Camiño do Lodairo, actualmente un vial secundario, pasará a ter dous carrís de circulación cun ancho total de tres metros e tamén beirarrúas para o tránsito peonil e, a maiores, habilitaranse en batería algo máis de medio centenar de prazas de estacionamento que se completarán coas do novo espazo tamén para estacionamento que se acondicionará nas inmediacións dese vial, nunha parcela ubicada fronte ao centro de saúde”, explicou a alcaldesa.

Ferreiro recalcou que “ante a futura demanda de prazas de estacionamento dende o Concello tamén se executará, nesa mesma liña de cooperación entre administracións, un novo estacionamento nunha parcela de titularidade municipal que acondicionaremos para ofrecer, entre as prazas en batería do Camiño do Lodairo e as do novo parking, unhas 200 prazas ás usuarias e usuarios do novo centro de saúde”.

Así mesmo a alcaldesa apuntou que tamén as arcas locais asumirán con cargo ao citado Plan Especial de Dotacións de Freixeiro a construción dunha zona de cambio de sentido no Camiño do Lodairo, á altura aproximadamente do centro de saúde, e outra na estrada de Castela, para dar maior fluidez ao tráfico rodado no acceso e saída das citadas instalacións sanitarias. “A administración autonómica terá que redactar un proxecto de estradas con información pública para a mellora da circulación viaria para que o Concello poida acometer os traballos tanto do novo estacionamento como da glorieta da estrada de Castela, ao ser este vial de titularidade autonómica”, explicou a rexedora local.

Ferreiro destacou a colaboración do Concello para poder materializar “este novo centro de saúde tan necesario para as veciñas e veciños de Narón e que confiamos en que estea concluído no prazo dun mes aproximadamente, tal e como anunciaron os responsables da Consellería de Sanidade e que a continuación se acelere ao máximo a dotación de equipamento e persoal para que comece a funcionar á maior brevidade”.

A maiores do investimento para urbanizar e dotar de servizos o Camiño do Lodairo, a construción da rotonda da estrada de Castela, a habilitación dun novo espazo destinado a estacionamento de vehículos fronte ao centro de saúde e a cesión dos terreos sobre os que se constrúe o edificio, o Concello abonou á Xunta unha partida de 1,5 millóns de euros para a construción das citadas instalacións sanitaria

Lea también

Suspendida a representación da obra “Cigarreiras” prevista para esta fin de semana no Pazo da Cultura-Narón

A representación do espectáculo teatral “Cigarreiras”, da compañía Contraproducións e de Teatro Romea, prevista para …