Narón-Marián Ferreiro anunciou a programación no Pazo do segundo trimestre

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, anunciou a programación que se desenvolverá dende inicios de abril ata comezos de xuño no Pazo da Cultura. “Teatro musical, concertos, comedias, monicreques… e moitas outras propostas dirixidas a todo tipo de públicos centrarán os espectáculos previstos para os vindeiros meses e entre os que figuran algúns dos que se reprogramaron debido ao peche das instalacións decretado polas medidas preventivas da Covid-19 e tamén outros que ofrecerán novas propostas culturais pensadas para todo tipo de públicos”, asegurou Ferreiro.

En abril

A primeira das citas, unha comedia musical, será o sábado 10 de abril ás 20.00 horas, e correrá a cargo da compañía Vaivén Producciones, que representará a comedia musical “Yo, la peor del mundo”, sobre unha muller que se enfronta a todo para acadar a súa liberdade. O  día 11 programouse un espectáculo para público familiar e infantil, “Xurásico perdido”, de Títeres Cachirulo, ás 18.00 horas –nesta ocasión no Café Teatro- protagonizado polo malvado Katraska e os seus malfeitores e tamén por Ariadna e o seu mestre Florentino, que loitarán por protexer a Xuri, un dinosauro.

A seguinte fin de semana de abril, o día 17 -ás 20.00 horas- estarán no

Antón Reixa

Pazo Antón  Reixa e Antela Cid, que representarán a comedia “Melancoholemia”,  de Con de Tres Pés SL e na que Reixa interpreta a un paciente dunha institución mental que recibe aos convidados nunha sesión de “portas abertas”. O  día 18 ás 18.00 horas no Café Teatro poderase ver a peza de teatro musical “Don Gaiferos”, de Os Monicreques de Kukas, que narrarán a viaxe dun peregrino francés.

Xoel López

Os concertos estarán tamén presentes na programación do Padroado da Cultura para o vindeiro abril e o día 23 –ás 20.30 horas- actuará o artista coruñés Xoel López (Udra Producións), que presentará o seu novo disco “Si mi rayo te alcanzara”, o máis variado da súa carreira musical, con dez cancións, e que marca unha nova etapa caracterizada pola evolución deste músico galego. Pecharán a programación de abril outros dous espectáculos teatrais: “Autorretrato de un joven capitalista español”, de Teatro del Barrio, o día 24 -20.00 horas- protagonizado por Alberto San Juan, que se mete na pel dun capitalista que non está disposto a perder todo aquilo que acumulou ao longo da súa vida, e “A lingua das bolboretas”, de Sarabela Teatro, o  día 30 de abril e o 1 de maio -20.30 e 20.00 horas, respectivamente- no que o espectador será testemuña do proceso de aprendizaxe do protagonista da man do seu mestre.

En maio

Pablo Milanés

No mes de maio continuará a programación con dous concertos, o día 7 -20.30 horas- o que correrá a cargo de Martins Aneiros Band, con música soul, blues e rock, e o día 8 –20.00- o do músico cubano Pablo Milanés, que chega a Narón coa súa nova xira artística deste ano, “Días de luz”, un formato de carácter íntimo e cargado de esperanza e novas composicións. Así mesmo, o día 9 -18.00 horas- terá lugar o espectáculo “Quixote, de Pedras de Cartón, que aborda a novela máis importante da literatura española cunha estética baseada no pallaso clásico (Fellini) e con achegamentos do clown.

A compañía Teatro do Noroeste estreará en maio no Pazo a comedia “Gloria nacional”, protagonizada por Uxío Rodas, un pintor e escultor que recibe un curioso encargo do goberno e que quedará sumido nunha crise creativa. Poderase ver o venres 14 e o sábado 15, ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente.

Outra comedia centrará a cita do día 22 de maio -20.00 horas-, “Estrela do día”, de Produccións Teatrais Excéntricas, na que cobran especial peso as divinidades, a música, o misterio e o humor, e pechará a programación dese mes o día 23 -18.00 horas- a peza de teatro xestual “Cubo”, para público familiar e infantil e da compañía Elefante Elegante, protagonizado por dous personaxes que viven nun cubo cantan, xogan, rin e berran falando da amizade, do confinamento, e de diversas aventuras.

En xuño

Josema Yuste y Teté Delgado

No mes de xuño poderase ver o día 4 -20.30 horas- a comedia “Sé infiel y no mires con quien”, de Pentación Espectáculos e con Josema Yuste e Teté Delgado entre o seu elenco. Luis e o seu socio Álvaro son propietarios dunha editorial de libros e xunto con Óscar, un deseñador de interiores, e tres mulleres coinciden a mesma noite nun apartamento, xerandose un caos porque pensaban as tres parellas que estaba libre.

Finalmente, os días 11 e 12 de xuño -20.30 e 20.00 horas- representarase o drama

Javier Gutiérrez

“Principiantes”, da man de Todas Las Mujeres AIE., e de cuxo elenco forma parte o actor Javier Gutiérrez e que xunto cos tres compañeiros de reparto trata de respostar unha cuestión moi precisa.

Ferreiro recordou que “na actualidade, debido ás restricións derivadas das medidas sanitarias de prevención da Covid-19 o aforo do Pazo está limitado a 250 persoas por sesión -50 no Café Teatro-, con filas bloqueadas para establecer a oportuna distancia de seguridade”. O aforo, indicou, “irase adecuando en cada momento ás indicacións que formulen as autoridades sanitarias e continuranse cumprindo exhaustivamente todas as medidas sanitarias no interior do Pazo para garantir a máxima seguridade”.

A partir do 23 de febreiro e ata o 4 de marzo poranse á venda as entradas para os abonados do Pazo, se ben as do público xeral poderán adquirirse dende o 5 de marzo.

Lea también

Narón-Xornadas de portas abertas para as Escolas Culturais Municipais

O Padroado da Cultura de Narón organizou unhas xornadas de portas abertas para aquelas persoas interesadas …