A Peregrina de Pontedeume

José Fonte Sardiña 

Pretiño do itinerario do Camiño Inglés, ao subir as escaleiras que dan acceso pola rúa da Pescadería ao adro da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, nun lugar ben
discreto, aparece, nunha repisa situada nun recuncho do muro da horta do crego, unha imaxe de pedra da Virxe Peregrina co seu Fillo no colo, cos mesmos atributos ―o sombreiro de aba larga, a esclavina e o zurrón, nos que non se distinguen as cunchas de vieira, e o bordón coa cabaza― que as efixies pétreas que representan ao apóstolo Santiago e aos seus discípulos Teodoro e Atanasio na Porta Santa da Quintana e na fachada barroca do Obradoiro da súa catedral compostelá, que lle serven de modelo, benque substituíndo o Libro dos Evanxeos pola figura de Xesús Neno, que algo máis de trinta anos despois, antes da súa Ascensión ao ceo, lles encomendou aos doce apóstolos a misión de espallar a súa palabra “ata os confíns da terra” (Feitos dos Apóstolos, 1, 8).

A orixe desta representación da Virxe cómpre buscala no santuario da Peregrina de
Pontevedra, que no seu retablo neoclásico, deseñado por Melchor de Prado en 1789,
acolle esta imaxe mariana cantada no romanceiro popular: “Anque vou a Pontevedra /non é por ver os soldados, / que vou ver a Peregrina, / a dos pendentes dourados”.

Dela di tamén Álvaro Cunqueiro que “Pontevedra ten unha igrexa para a súa patroa, a
Virxe Peregrina, a do sombreiro adornado coas cunchas de vieira, vestida con graciosa esclavina e levando na man destra o bordón do romeiro, coa cabaciña chea de auga para a sede camiñeira. E no brazo esquerdo o Neno, que María non sabe ir soa. Nada máis natural que ver no Camiño de Santiago a Virxe que vai romeira, e como o mundo é redondo, por que non ía dar a volta, indo de Nazaret a Compostela, pola súa boa vila de Pontevedra? [ou de Pontedeume, dicimos nós] […]. En agosto, Pontevedra celebra as festas da Virxe Peregrina. E o pobo axeónllase cando pasa a Divina Romeira e no alto do bordón abala a cabaciña da auga, que lla encheron co albor os anxos, con certeza, nunha das fontes do Paraíso. A Peregrina ten no seu doce rostro brisas e soles de todos os camiños do mundo” (Tomado e traducido de Álvaro Cunqueiro: “Pontevedra. Rías Bajas”, León, 1991, p. 62).

A Peregrina de Pontevedra

A Peregrina eumesa sostén o Neno no seu brazo esquerdo e suxeita co dereito un báculo coa cabaza pendurada na súa punta no que semella non apoiarse. O “Códice Calixtino” di no Veneranda dies que “polo bordón, que o peregrino recibe coma un terceiro pé para apoiarse, simbolízase a fe na Santa Trindade, na que debe manterse. O bordón é a defensa do home contra os lobos e os cans. O can adoita ladrarlle ao home e o lobo comer as ovellas. Polo can e polo lobo simbolízase o demo, tentador do xénero humano” (Xosé López Díaz (trad.): “O Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Libro I, capítulo XVII, Vigo, 2009, p. 215).

A Peregrina eumesa

Ademais, esta Virxe de pedra está tocada cun sombreiro xacobeo e viste un longo hábito de peregrina que case lle cobre os pés, sobre o que loce a típica esclavina dos
camiñantes a Compostela, como os seus modelos masculinos da Porta Santa e a fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, e o feminino pontevedrés. Leva tamén baixo o brazo dereito un pequeno zurrón. Consonte o citado sermón do “Códice Calixtino”, por este bolsiño “represéntanse a xenerosidade das esmolas e a mortificación da carne […]. É un saquiño estreito, feito do coiro dun animal morto, aberto sempre pola boca, non atado con lazos […], [o que] significa que o peregrino, confiado no Señor, debe levar consigo unha pequena e módica despensa […]. O feito de que non estea atado, senón sempre aberto, significa que debe compartir primeiro o seu cos pobres e que despois debe estar preparado para dar e para recibir” (Idem, p. 214 e 215).

O padre Placer xustifica a existencia desta Virxe de pedra no adro parroquial de
Pontedeume aducindo que “hai razóns profundas na vida, e unha delas asiste á
Peregrina, para que se asente a carón do templo […] do señor Santiago, patrón da vila […]. Os dous viviron unidos a existencia palestina, e queren prolongala nas terras eumesas; tamén presidiron o nacemento da Igrexa, y agora animan coa súa presenza a vida eclesiástica de Pontedeume e colaboran á súa marcha espiritual […]. Está quieta, pero anda; séntense as súas pisadas, pero non se ven […]; fálannos do seu peregrinar, lémbrannos a lama dos nosos zapatos e remóntannos a voos cobizosos de eternidade” (Tomado e traducido de Gumersindo Placer: “Crónicas de mi rincón natal”, p. 128 e 129).

O sorriso da nosa Peregrina fai pensar que se atopa feliz no seu pedestal. Así e todo, hai dous días no ano nos que, como boa eumesa, goza dun xeito especial. Un deles é o da madrugada do Venres Santo, cando os músicos de Charamela rematan no adro
parroquial o seu percorrido polas rúas eumesas tocando “O Paso” e interpretan ao pé da súa imaxe este verdadeiro himno patrio da vila que ela sente como propio. Talvez o
fagan para que a Peregrina poida apreciar toda a beleza do réquiem, xa que despois, na procesión do Encontro, co ruxido enxordecedor das carracas, case non se pode escoitar.

O outro é o da mañá do dez de setembro, na festa de San Nicolas de Tolentino, o noso
copatrono, cando recibe a visita dos Mómaros e escoita emocionada o segundo himno
nacional eumés, o “Ñoñoroñó”.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …