Narón-A alcaldesa presidiu un pleno no que participaron escolares de sete centros de ensino

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu na mañá deste martes vía telemática un pleno no que participaron alumnas e alumnos de sete centros de ensino da cidade e no que tamén estivo presente o secretario municipal, Alfonso de Prado. A actividade enmárcase nos Consellos de Participación Infantil, un proxecto que se retomou hai uns meses dende o equipo de Educación Viaria de Narón tras suspendelo durante o curso 2019-2020 debido á situación sanitaria derivada da pandemia pola Covid-19. Implicáronse na actividade dende as aulas uns 160 rapaces e rapazas que hoxe estiveron representados por 15 escolares na sesión plenaria. Tralas reunións mantidas durante este mes por videoconferencia entre concelleiros da corporación local e alumnado dos centros participantes hoxe celebrouse o pleno no que os menores puideron coñecer a viabilidade das propostas plantexadas a edís da corporación local.

A alcaldesa deu a benvida aos rapaces e rapazas que participaron no pleno e ao inicio do mesmo agradeceu “o intenso traballo que levades realizando este ano nos colexios para poder presentarnos unhas propostas tan estudadas e tan ben explicadas”. Así mesmo, recalcou que “o voso labor é fundamental para seguir avanzando como cidade e as vosas propostas foron e serán sempre moi ben recibidas neste Concello”.

Nesta iniciativa participaron alumnas e alumnos de quinto e sexto curso de Primaria e de primeiro de Secundaria –segundo o caso- dos colexios da Solaina, A Gándara, Ponte de Xuvia, Ayala, O Feal, Piñeiros e Jorge Juan. Os edís de Seguridade Cidadá, Román Romero; Servizos, Ibán Santalla; Obras, Pablo Mauriz, e Sanidade e Medio Ambiente, Santiago Galego, foron os encargados de informar sobre a viabilidade de cada un dos proxectos presentados. As propostas plantexadas polos escolares foron: o pintado de pictogramas diante dos pasos de peóns para facilitar a comprensión desta sinalización viaria a persoas con autismo; a instalación dunha estrutura de gran tamaño para depositar residuos de plástico co fin de reciclalos; o repintado das pegadas do Camiño Escolar Seguro de Piñeiros e a instalación de aviso sonoro nos semáforos; a entrega de bolsas reutilizables para froita e verdura; a restauración da ponte da vía do tren na Solaina; a cuberta do skate park da Gándara e a habilitación dunha zona de parkour e a colocación de etiquetas nos sumidoiros e bolsas de recollida para os excrementos dos cans. O alumnado foi presentando unha a unha as propostas e os edís encargáronse de analizar con eles a viabilidade das mesmas, na maioría dos casos con opción a materializarse segundo lles avanzaron.

Ferreiro concedeu os turnos de palabra e, ao igual que fixeron posteriormente os edís da corporación local, valorou a implicación dos escolares nesta iniciativa e o traballo que realizaron xunto co persoal docente dos diferentes colexios. “É moi importante que as nenas e nenos nos fagan ver a súa visión da cidade e tamén que plantexen, como neste caso, algunhas propostas novidosas, que nos manteñan á vangarda e que se poidan levar a cabo para continuar deseñando o futuro de Narón entre todas e todos”, recalcou.

O pleno desta mañá representou a última fase do proxecto de Participación Infantil deste curso, no que se implicaron centros de Primaria e Secundaria da cidade”, destacou Ferreiro, que asegurou que dende o Concello se realizará un seguemento por parte das diferentes áreas dos proxectos presentados e sobre o que se informará aos responsables de cada proposta. Cada colexio e curso recibirán un certificado acreditativo de ter participado nesta iniciativa municipal.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …