Fernán Pérez de Andrade o Bo e o fratricidio de Montiel

José Fonte Sardiña

Unha lenda atribúelle a Fernán Pérez de Andrade o alcume de Bo porque afirma que patrocinou e mandou construír ou rehabilitar nos territorios que se atopaban baixo o seu señorío importantes infraestruturas para o seu desenvolvemento económico, como sete pontes en sete ríos caudalosos, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais. Así e todo, Manuel Murguía afirma que o Bo, de quen di que a lenda se apoderou da súa vida e tendeu sobre ela unha poética trama, recibiu este apelativo porque, sendo aínda moi novo, cando o futuro rei Henrique II o Bastardo ou das Mercedes (1369-1379) fuxía perseguido polo seu irmán Pedro I o Cruel ou o Xusticeiro (1350-1369), “atopou refuxio na torre de Andrade. De alí pasou a Francia levando na súa compaña a Fernán, a quen o seu pai lle dixo ao partiren: ¡Sé bo, que bo compañeiro levas!, e de aí que fose coñecido despois con aquel alcume” (tomado e traducido de Manuel Murguía: “Galicia”, primeira edición 1888; citado pola de Sálvora, Santiago de
Compostela, 1985, t. II, p. 1160) (Ponte do Burgo e igrexa de San Francisco de Betanzos).

Ponte do Burgo
San Francisco de Betanzos

Porén, a suposta bondade do señor de Andrade foi cuestionada en 1550 polo licenciado Bartolomé Molina. Unha oitava en versos dodecasílabos introduce, coma sempre, os feitos: “La Casa de Andrade también os la digo / para que su hecho también se publique, / que un muy privado del rey don Enrique / en frente a don Pedro su hermano y abrigo, / en una batalla le fue tal amigo / que viéndole estar caído aquel quiso / darle tal ayuda, socorro y aviso / que dando la vuelta mató su enemigo” (Parrilla (ed.): “Descripción del Reino de Galicia por el licenciado Molina”, Santiago de Compostela, 1998, p. 144) (Miniatura do século XIV realizada polo cronista francés Jean Froissart para ilustrar as súas Chroniques e pintura en táboa de Alfredo Erias).

A continuación, un parágrafo en prosa, que traducimos, explica, como acotío, máis polo miúdo o que aconteceu: “Esta liñaxe dos Andrade é das honradas deste reino, e entre eles houbo aquel bo cabaleiro que chamaron Fernán Pérez de Andrade o Bo, que, sendo moi privado do rei don Henrique o Bastardo, nunha batalla e desafío que persoa por persoa tivo este rei don Henrique co rei don Pedro, o seu irmán, estando caído en terra o don Henrique e don Pedro encima del xa para o matar, atopouse alí este Fernán Pérez, o cal, dicindo:»Eu non quito nin poño rei, mais axudo ao meu señor»;, colleu do brazo ao rei don Henrique, que, dando a volta sobre o seu inimigo e irmán o rei don Pedro, o matou. E por este tan bo feito deulle o rei don Henrique as vilas de Pontedeume e Ferrol e outras moitas terras deste Reino” (Ibidem).

Couceiro Freijomil, talvez algo cego de patriotismo eumés e de paixón polo primeiro señor da vila, perde un pouco a súa habitual obxectividade cando sostén que esta
afirmación é “de todo gratuíta […]. Non se pode admiti-lo afirmado por Molina,
porque, en primeiro termo, a fazaña de Montiel non cadra co carácter nobre e
cabaleiroso que unanimemente se lle recoñece ao noso heroe, e mais porque, en
segundo termo, mentres os cronistas contemporáneos nada consignan que poida lixa-la honra do de Andrade, pasan preto de douscentos anos ata que, por primeira vez, se lle considera autor da fazaña […]. Case tódolos historiadores españois, e mesmo os estranxeiros, están de acordo en indicar como autor da axuda dada a don Henrique, aínda que non o afirmen tallantemente, agás o señor Lafuente, ó aventureiro francés Beltrán du Guesclin” (Antonio Couceiro Freijomil: “Historia de Pontedeume e a súa comarca”, primeira edición 1944, citado pola cuarta, en galego, Pontedeume, 1995, p.121 e 122) (Debuxos de Fernando Sarmiento, seguindo o rigoroso estudo do profesor Correa Arias, da ponte eumesa mandada facer polo Bo).

Pola súa parte, Correa Arias, o mellor biógrafo de Fernán Pérez de Andrade, non tan
partidario do noso primeiro señor coma Couceiro, asegura que “o rei don Pedro morre
asasinado en Montiel na noite do vinte e dous ó vinte e tres de marzo de 1369 e,
segundo as distintas versións, o que parece claro é que morre asasinado a traizón […]. Na súa morte, intervirán varias persoas axudando ó conde Henrique e algunhas das versións acusan ó de Andrade de ser un dos principais implicados […]. O de Andrade, efectivamente, tivo algo que ver coa morte de don Pedro e esta morte produciuse de forma aleivosa e sañuda, de forma nada cabaleiresca, xa que, incluso, se chega a afirmar que lle cortaron a cabeza e o seu corpo foi exposto para ser escarnecido […]. Non serían, por outra parte, normais as enormes concesións realizadas por Henrique II ó de Andrade se non houbese algo moi importante que as xustificase, xa que converte a un fidalgo que, uns meses despois do magnicidio, foi chamado escudeiro polo prior do mosteiro de Sobrado, quen afirma que ‘abian medo e gran pabor do dito fernan perez e de seus homes’, o que proba, a pesar da sona que deixou de cabaleiro bóo, que non era home de moitos escrúpulos e miramentos” (José Francisco Correa Arias: “Fernán Pérez de Andrade, o Bóo. Mentalidade e realidade social”, Editorial Toxosoutos, Noia (A Coruña), 2004, p. 114-118).

Sexa como for, os restos de Fernán Pérez de Andrade descansan xa para sempre na
igrexa de San Francisco de Betanzos que el mandara construír, nun marabilloso sartego, no que está representado como cabaleiro cos dous lebreiros aos seus pés, sostido polas emblemáticas figuras do oso e mais do xabaril, que hoxe aparecen tamén no escudo do Concello de Pontedeume.

Lea también

Noites craras do luar-Antes de pedir reprobaciones…mírense al espejo

José Luis Álvarez Con la benevolencia del director de Galicia Ártabra reanudo mis comentarios de …