O BNG pide ao goberno local que rexeite os parques eólicos nos montes do Chá

Iván Rivas e María do Mar López en rolda de prensa antes da pandemia | Adán Puentes

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol sinala que existe unha proposta que prevé a instalación de dous parques eólicos no Concello, concretamente nun dos montes do Chá, en terreos que contan cun importante patrimonio arqueolóxico, no que se atopan 39 mámoas, ademais de elementos naturais que precisan da súa protección e conservación.

«Os impactos sobre estes bens patrimoniais non só virán determinados polos aeroxeneradores en si senón que xunto a eles será preciso desenvolver escavacións, cimentacións, canalizacións e instalacións complementarias que suporán unha alteración substancial da contorna, e sobre todo tendo en conta as grandes dimensións dos elementos que integran a proposta presentada«, afirma o portavoz.

Iván Rivas solicitou hoxe ao alcalde da cidade que negue a autorización, no monte de titularidade municipal para a instalación deste parque eólico. Así mesmo pídelle que esixa o estrito cumprimento dos requirimentos medioambientais e de protección nos terreos de titularidade privada que promovan este tipo de instalacións.

O portavoz municipal do BNG de Ferrol lembra que a Ordenanza municipal de aproveitamento dos Montes do Chá sinala que os aproveitamentos forestais dos mesmos «teñen que adaptarse aos requisitos contemplados no proxecto de ordenación do monte e que os aproveitamentos de contraprestacións por terceiros deben ser autorizados polo concello expresamente«.

Ademais, a ordenanza advirte que o Concello debe velar polo carácter social do monte, «e este carácter social dista moito de estar xustificado nun proxecto que exclusivamente persegue a rendibilidade económica dunha instalación eólica de promoción privada«.

O BNG lembra que os impactos destes elementos non se limitan as afección sobre os bens patrimoniais dos montes do Chá antes sinalados «senón que implicarán afeccións de carácter paisaxístico, atmosférico e medioambiental«.

Iván Rivas lembrou que estamos a falar de aeroxeneradores dunhas dimensións salientables, que superarán os 200 m. de altura, equivalente, por exemplo, á altura da cheminea da térmica de Meirama e que no caso dos montes de Brión terán un diámetro de rotor de 150 metros e no caso de Monteventoso de 175 metros.

Para o BNG é «evidente que un conxunto de elementos destas dimensións suporá un alto impacto paisaxístico. Si temos en conta que a presenza destas instalacións nun radio menor aos 5km pode considerarse de impacto visual alto, o feito de que algúns destes elementos se sitúen a menos de 500m. de núcleos de poboación e a menos de 2,5 kilómetros do peirao de Curuxeiras deixa as claras o importante impacto que estes aeroxeneradores provocarán na contorna.«

Esta proximidade aos núcleos de poboación pode provocar ademais «un efecto de sombra titilante sobre estes contornos habitados e ruídos e molestias ambientais xeradas polo seu funcionamento«.

As afeccións sobre a fauna e sobre as aves serán «tamén importantes dado que os proxectos están próximos a Zonas de Especial Protección para as Aves e a zonas declaradas como de Especial Conservación e sobre todo tendo en conta que este tipo de instalacións tipo provocan un incremento da mortalidade entre as aves por colisións contra as palas dos aeroxeneradores«.

Por tanto o BNG considera que, tanto pola proximidade a núcleos de poboación, como por localizarse nun espazo con alto valor patrimonial, como pola proximidade a zonas de protección ambiental, como por non estar xustificado o seu carácter social a localización destes aeroxeneradores nos ámbitos propostos «debe ser denegada por parte do Concello de Ferrol«.

Lea también

Falleció Isaac Millor Arias

Lamentar el reciente fallecimiento del Marino en situación de retirado, Isaac Millor Arias, (Q.e.p.d.) persona …