Narón-Máis de 120 rapazas e rapaces participarán este mes nos plenos escolares

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, participaron na mañá deste venres nun pleno escolar por videoconferencia organizado dende a Escola de Participación Cidadá de Narón.

Esta sesión plenaria, con alumnado de primeiro de Bacharelato do IES Terra de Trasancos, foi a primeira das seis programadas para este mes de abril e nas que tamén se implicará alumnado do colexio Jorge Juan e do IES As Telleiras. Máis de 120 rapazas e rapaces destes tres centros de ensino da cidade participarán nesta convocatoria.

Ferreiro e García deron a benvida aos rapaces e rapazas do IES Terra de Trasancos e felicitáronos polo traballo previo realizado, ao tempo que os animaron a explicarlles unha por unha as propostas de futuro que teñen para a cidade. Así o fixeron e voluntarias e voluntarios da aula expuxeron iniciativas vencelladas con equipamentos deportivos e culturais, mantemento de infraestruturas, actividades culturais, espazos de lecer e mobilidade, entre outros.

Esta primeira sesión dos plenos é unha actividade didáctica programada co fin de “fomentar a participación das mozas e mozos e identificar as súas necesidades e iniciativas pensadas para a cidade para posteriormente analizar a súa viabilidade”, apuntou Ferreiro.

En total, segundo indicou García, “lévanse a cabo dúas sesións nas aulas con persoal técnico da Escola de Participación Cidadá, que comezaron o pasado 6 de abril, e unha terceira, que foi a de hoxe, para trasladar as propostas ao Concello, simulando a celebración dun pleno”.

A alcaldesa e a concelleira de Participación Cidadá avanzáronlle ao alumnado, en relación con algunhas das propostas plantexadas, que en canto se alivien as restricións sanitarias se retomarán campañas medioambientais dirixidas á cidadanía e tamén lles facilitaron contactos de departamentos municipais aos que poder dirixirse en caso de querer solventar algunha dúbida ou trasladar posibles incidencias. Así mesmo, animouse aos escolares a que ofrezan tamén as súas preferencias á hora de desenvolver por exemplo actividades culturais na cidade.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …