A alcaldesa de Narón e a edil de Benestar Social reuníronse coa presidenta da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra

Marián Ferreiro e Catalina García na reunión coa AXF | Concello de Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, Catalina García, mantiveron esta mañá unha reunión con Teresa Gallo e María López, presidenta e monitora de Servizos á comunidade, respectivamente, da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra (AXF). No transcurso da convocatoria abordaron, entre outros asuntos, o mantemento do convenio de colaboración que o Concello ten en vigor dende hai anos coa entidade e a través do que se realizan diferentes actividades e se prestan determinados servizos.

As representantes da AXF valoraron o resultado do encontro, que calificaron de “moi produtivo” e plantexaron a posibilidade de materializar novas propostas no marco do convenio coa administración local. Teresa Gallo agradeceu a receptividade tanto de Ferreiro como de García para analizar algunhas das propostas plantexadas e que se comprometeron a enviar por escrito nos vindeiros días.

Pola súa banda, a alcaldesa e a concelleira de Benestar Social destacaron o labor que desenvolve a Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra e agradeceron a súa implicación á hora de participar en diferentes iniciativas e actividades impulsadas dende o Concello. Así mesmo, amosaron a súa disposición a abordar as novas propostas que se remitirán ao Concello e animaron ao colectivo a continuar traballando na mesma liña, para o que ofreceron a colaboración, como noutros anos, do Consistorio naronés.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …