Pontedeume nos “Relatos mariñeiros” de Neira Vilas

José Fonte Sardiña
Como ben se explica na contraportada da edición de Xerais, de 2003, o libro dos “Relatos mariñeiros”, de Xosé Neira Vilas,componse de vinte narracións curtas que teñen como referencia a comunidade de pescadores galegos asentados na Habana nos anos trinta, corenta e cincuenta. Vinte historias de mariñeiros e emigrantes galegos no Golfo que reconstrúen vidas ancoradas na saudade. Son relatos de mariñeiros artistas, como Leandro, o corpudo gaiteiro que levaba todo o país no fol, o Mariano, que tocaba o saxofón, ou o Santiago, que co seu lapis de cores retrataba a tripulación. Mariñeiros namorados e comprometidos como o Daniel e o Xaquín, vello pescador da Malata; o negro Eliseo, antillano que aprendeu a nosa fala; ou o Xoán Barreiro, dirixente do sindicato de Viveiristas” (Foto de Santos Díez e Eduardo Castro Bal).

O primeiro relato conta a historia dun rapaz eumés que, sendo moi novo, tivo que
marchar cara á Habana na procura dun futuro mellor, ao que describe como “louro,
corpudo, home alegre e dicidor. Así era Leandro, o gaiteiro. Chegara con quince anos  dende Pontedeume. Seu pai mercáralle unha gaita na Coruña e emigrou con ela, coma quen leva todo un país no fol e na palleta e nos dedos que debuxan melodías no punteiro” (Idem, p. 11).

O relato titulado “Cemiterio” describe un humilde camposanto no caio de Anclote  onde eran enterrados os mariñeiros náufragos, moitos deles galegos, e que estaba  atendido e coidado con moito amor e tenrura pola muller do fareiro, “unha norteamericana de face avellentada e sorriso de boa persoa, a quen agradeciamos o xesto en nome das familias de Limodre, de Pontedeume, de Ares, de Sada, polo agarimo que poñía naquela tarefa sen que ninguén llo pedise, que adoita haber xente coma de ouro, digo eu, ó longo do mundo, incluso  nese mundo pequeno e arredado, nese caio floridán de Anclote, o do noso cemiterio mariñeiro” (Idem, p. 47).

O último relato que ten que ver coa vila dos Andrade é “Pola Guadalupana” e fala
doutro eumés, o vello Evaristo, que lles conta aos netos e os veciños anacos da súa vida mariñeira en Cuba, onde chegou sendo aínda un rapaz e da que xa non pensa marchar.
Áchase de volta de moitas andainas. Recorda polo miúdo a súa infancia en
Pontedeume, pero sabe que despois de sesenta anos emigrado xa non vai desandar o
camiño. Escríbese coa única irmá que lle queda e, seguindo as cartas dela, vaise
poñendo ó día sobre xentes e lugares, adiantos e modas e novos costumes. Non pide
máis. A súa vida está en Cuba, no vivido tras cada volta do mundo e o rolar da lúa e nas dúas xeracións que lle seguen no rego do sangue” (Idem, p. 93).

As ilustracións foron realizadas polo sempre xenial Xaquín Marín, que plasma nos seus debuxos, con retranca, lucidez e tenrura, toda a maxia dos relatos, como fai acotío nos xornais co que acontece no noso país.

Lea también

Una onda expansiva

Gabriel Elorriaga F.(Ex diputado y ex senador) Sobre el triunfo incontestable de Isabel Díaz Ayuso en Madrid …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *