Narón-O Concello aportará 175.000 euros para complementar as axudas da Xunta dirixidas á hostalería

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu na mañá deste luns a Xunta de Portavoces na que saíu adiante o ditame sobre a proposta de aprobación do convenio de adhesión coa Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, a Consellería de Emprego e Igualdade e os concellos de Galicia para a concesión de axudas ao sector da hostalería cuxos negocios quedaron afectados polos peches derivados da covid-19. Ferreiro avanzou que o Concello aportará 175.000 euros para complementar as axudas do programa autonómico dirixido á hostalería co fin de que se destinen ás empresa de Narón que tramitaron as pertinentes solicitudes.

A rexedora local incidiu no feito de que “dende o goberno local continuaremos apoiando todas as medidas necesarias para axudar na medida do posible a aqueles sectores afectados polas restricións derivadas da covid-19”. Ao respecto recordou a posta en marcha do plan Narón Impulsa, dotado con tres millóns de euros e tamén a adhesión do Concello ao programa Pel Reactiva da Deputación da Coruña, dotado con 457.292 euros, e en ambos casos destinados a axudar a empresarios/as e autonómos/as con firmas asentadas na cidade.

O Concello de Narón complementará agora con 175.000 euros a liña de axudas á hostalería da Xunta para a que se presentaron dende a cidade un total de 175 solicitudes. Autonómos, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, microempresas e pemes do sector hostaleiro son os destinatarios destas axudas, tal e como se especifica no documento.

Das 175 axudas solicitadas na liña autonómica de apoio á hostalería, concedéronse 114, se ben as 61 restantes están aínda pendentes. Con cargo aos 175.000 euros que aportará o Concello todos os solicitantes das axudas recibirán a maiores da achega económica procedente da administración autonómica unha partida de 1.000 euros.

“A situación que atravesa o sector hostaleiro continúa sendo complicada, ao levar máis dun ano baixo unhas restricións que aínda continúan parcialmente e que merman considerablemente os ingresos destes establecementos, polo que dende o Concello queremos continuar axudando a aminorar, na medida do posible, esas perdas que arrastran dende que se decretou o estado de alarma”, recalcou Ferreiro

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …