Os cinco da Ferradura

José Fonte Sardiña
A alameda compostelá acolle, entre os paseos dos Leóns e da Ferradura e a carballeira de Santa Susana, as esculturas de cinco persoeiros transcendentais para Galicia enteira e
especialmente para a súa capital. Catro homes sobranceiros ―Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Ramón María del Valle-Inclán, Isaac Díaz Pardo e Federico García Lorca― e unha muller excepcional ―Rosalía de Castro― que deixaron unha fonda pegada na historia da cidade e a quen Santiago de Compostela lles rende unha merecida homenaxe. A súa presenza enche de cultura e maxia ese emblemático espazo e proporciona unha moi agradable compañía aos que por alí nos gusta camiñar e
establecer con eles unha apracible e emocionante, malia que imaxinaria, conversa.

O monumento a Rosalía de Castro xa é centenario; leva na Ferradura desde xullo de
1917. Na parte que mira cara á igrexa de Santa Susana, remata o conxunto escultórico,
realizado en granito por Isidro de Benito e Francisco Crivillés, o escudo da provincia da Coruña, coa coroa real e a torre de Hércules con seis cunchas de vieira aos seus lados e unha caveira con dúas tibias cruzadas aos pés. Debaixo presenta a imaxe da nosa máis grande escritora, coa que renaceu a literatura galega despois da negra sombra dos Séculos Escuros, que aparece sedente no trono que a acolle como raíña dos poetas de Galicia, cun libro na man esquerda, que suxeita co matapiollos ―a contraportada― e o pai de todos, o medianiño e o maimiño ―a portada―, e no que marca co furabolos a páxina que estaba a ler.

O seu pensativo rostro, que apoia na man dereita cos dedos encollidos, mostra
melancolía, preocupación e un aquel de tristura. Talvez estea a cismar nas «Dúas
palabras da autora», que lle deron título ao prólogo de “Follas Novas”, onde deixou
escrito: “Creerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden
chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes
dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os «Cantares Gallegos» despertaron en algúns entusiastas […]. Quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado” (Rosalía de Castro: «Dúas palabras da autora», en “Follas Novas”, 1880, citada pola edición de Xerais e La Voz de Galicia, Vigo, 2001, p. 34).

No outeiro da carballeira de Santa Susana está chantada desde abril de 1995 unha
escultura de Francisco Leiro Lois na que, sobre o relevo do mapa de Galicia realizado
en granito negro, aparece incrustado un bosquexo do rostro de Castelao. Rodeado dos
carballos máis fermosos e emblemáticos de Santiago, talvez lembre o rianxeiro
enterrado no Panteón de Galegos Ilustres ―igual que Rosalía de Castro― aquela lúcida reflexión que fixera sobre as árbores da nosa terra en “Sempre en Galiza”, na que dicíaque “o albre é o símbolo do señorío espritual de Galiza […]. Os albres son as minas galegas que nós saberemos esplotar cando a nosa Terra sexa nosa […] e o mellor aforro da colectividade […]. O día que seipamos o que val un albre, aquel día non teremos necesidade de emigrar” (Castelao: “Sempre en Galiza”, Libro I, capítulo XXXII, Buenos Aires, 1944, citado pola edición de Galaxia e La Voz de Galicia, Vigo, 2001, t. I, p. 194).

A Castelao
Carballos

Nun frío día de xaneiro de 1999 o Concello de Santiago de Compostela ―cidade onde
estudou durante cinco anos a carreira de Dereito na súa Universidade, aínda que non
pasou do terceiro curso porque consonte as malas linguas era máis asiduo dos cafés que das aulas, á que regresou en novembro de 1935 e na que atopou a morte o 5 de xaneiro de 1936― sentou nun banco verde do paseo dos Leóns a figura en bronce de Valle- Inclán labrada por César Lombera. Coa súa longa barba, un impecable traxe e os “botines blancos de piqué”, que lle deron título ao libro que lle dedicou outro xenio dos artigos nos xornais, Francisco Umbral, cruza as súas pernas como tantas veces o facía e trata tamén de disimular, agarrando a manga esquerda, a falta desa extremidade superior que perdera nunha liorta con Manuel Bueno Bengoechea o vinte e catro de xullo de 1899 no madrileño “Café de la Montaña”, na que o seu hostil compañeiro de faladoiro lle zoscou un golpe tremendo co seu bastón no brazo esquerdo, cuxa ferida se gangrenou e causou a amputación.

Case sempre acompañado por alguén que senta con el no banco e coa axuda dos seus
persoalísimos lentes, contempla retranqueiro os paseantes ―que pensará deles o mestre do esperpento e dos rapaces que van ao instituto Rosalía de Castro que tan pretiño de alí está?― e a fermosa vista da catedral compostelá. Foi enterrado en Boisaca nunha cerimonia civil e contan que días antes da súa morte deixou ben claro que non quería ao seu lado nin cura discreto, nin frade humilde, nin xesuíta sabichón.

Valle e a catedral

O vinte de agosto de 2020, coincidindo co centenario do seu nacemento en Santiago de Compostela, a cidade decide sentar a imaxe do seu ilustre fillo Isaac Díaz Pardo,
realizada en bronce por César Lombera, nun banco de pedra situado á sombra da
carballeira de Santa Susana. As mans cruzadas, a naturalidade da súa postura e o rostro sereno, cos ollos ben abertos a todo o que sucede ao seu redor, mostran un home humilde, delgado e baixiño que leva dentro un grande intelectual e unha figura senlleira do galeguismo e da cultura da nosa terra. Por esas mesmas datas, a Xunta de Galicia organizou na Cidade da Cultura a exposición “As miradas de Isaac”, da que foron comisarios os seus fillos Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, que “nos achega á súa desbordante personalidade e ao seu amplo e polifacético labor ―intelectual, pintor, galeguista comprometido, mestre da Escola de Belas Artes de Barcelona, fundador de Cerámicas do Castro, de Ediciós do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego de Información…, e impulsor con Luís Seoane da Fábrica Sargadelos―, sempre desde unha visión integradora e unha firme defensa dos valores máis auténticos de Galicia, aos que se entregou sen descanso ao longo da súa fértil existencia”.

Un vinte e cinco de outubro de 1916 Federico García Lorca visitou por primeira vez
Santiago, onde pasou tres dos cinco días que durou a súa estadía na nosa terra, de aí que desde o ano 2018 veña celebrándose nesa data o Día de García Lorca en Galicia e queen outubro de 2020 o alcalde de Compostela inaugurase, no paseo da Ferradura da
alameda ―ao pé da carballeira de Santa Susana, onde se atopa a igrexa na que contan que o arcebispo Diego Xelmírez (1120-1140) gardara as reliquias do pío latrocinio―
unha estatua do escritor ―que mira de fronte á Berenguela, a torre do Reloxo da
Quintana, e de esguello á pensativa Rosalía de Castro―, realizada polo escultor Álvaro
de la Vega, que é, consonte o propio Sánchez Bugallo dixo, “practicamente unha
reprodución dunha foto de García Lorca baixando as escaleiras da Quintana”, co mono azul da Barraca.

En 1932 Federico García Lorca visitou de novo Galicia e Santiago de Compostela, e
quedou namorado da nosa terra e a súa capital. Os seus encantos foron a inspiración que o levou a facer, entre 1932 e 1935, seis poemas escritos en galego, coa axuda de
Eugenio Montes, Serafín Ferro, Ernesto Pérez Guerra e Eduardo Blanco Amor, que os
publicou e prologou a edición en decembro de 1935.

Lea también

«Só Elas» en su V Aniversario

Julia M.ª Dopico Vale En abril de 2019 se presentaba ante el público ferrolano la …