Inaugurada no Pazo da Cultura a exposición “Os cines perdidos de Narón”

A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura de Narón, Marián Ferreiro, os concelleiros de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, de Seguridade Cidadá, Román Romero, e de promoción económica, David Pita, acudiron na tarde deste mércores no Pazo da Cultura ao acto inaugural da exposición “Os cines perdidos de Narón”, da que é comisario o Técnico en Museoloxía Benjamín Hermida. A mostra, que este mércores puideron ver as persoas que colaboraron coa doazón ou cesión de material, e que poderase visitar no horario de apertura das instalacións ata o vindeiro 30 de maio, tal e como recordou Ferreiro.

A exposición ubicouse na entrada do Pazo, cunha antesala que fai referencia aos cines galegos da década dos 80 e cun telón de separación tralo que se atopan máis de seiscentas pezas e imaxes dos dez cines que estiveron operativos nas distintas parroquias e barrios de Narón. Arizona (no lugar de Quintá, no Val), Avenida (Gándara de Sedes), Capitol (Sedes), Castro (no lugar de Nelle), Colón (A Gándara), Dancing (estrada de Castela), Pedroso, Urimare (Xuvia), Virxen do Mar, e Vista Alegre (Doso) foron as salas que estiveron en funcionamento e das que procede o material que se pode ver nesta exposición, doado na súa práctica totalidade ao Concello por parte das familias propietarias do mesmo.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou o traballo e o empeño de Hermida para poñer en valor este material e destacou que “grazas a el e a todas as persoas que desinteresadamente colaboraron neste proxecto hoxe en día podemos coñecer boa parte da historia dos dez cines de Narón e tamén ver equipos e distinto material da época”. Así mesmo, valorou o feito de poder reunir na mostra o material e tamén no libro “Os cines perdidos de Narón. Eco dos dez latexos cinematográficos de Narón (1934-1990)”, do que o Concello de Narón editou 500 exemplares. “Dende o primeiro momento quixemos colaborar con este proxecto porque nos permite rescatar parte da historia da nosa cidade”, subliñou a alcaldesa.

Pola súa banda Hermida resumiu o proceso que o levou a recompilar todas as historias que aparecen na citada publicación e destacou a parte humana deste traballo, “da que quixen deixar constancia no libro”. Ademais agradeceu o apoio do Concello naronés, a disposición das familias propietarias dos cines a colaborar e tamén, ao igual que fixo a alcaldesa, dos integrantes do Cineclube Serie B Narón por axudar nas tarefas de traslado e a colocación do material na exposición inaugurada hoxe.

Tras realizar unha pequena representación para os asistentes vencellada á temática do libro e da mostra Hermida acompañou aos representantes do goberno local para explicarlles o contido da exposición, concebida a modo de “túnel” dende o máis antigo ata o máis recente e contou tamén algunhas anécdotas que xurdiron durante as conversas mantidas coas familias que colaboraron no traballo.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …