Onde está o corazón do arcebispo Rajoy?

José Fonte Sardiña
O vinte e catro de agosto de 1690, festividade do santo que lle deu nome, naceu na vila de Pontedeume Bartolomé Rajoy y Losada e un día máis tarde foi bautizado polo sancristán maior, Simón Menaya, na igrexa parroquial eumesa, consonte consta na súa partida de bautismo, asinada polo párroco Martín de Inturain ―estivo á fronte da parroquia desde a súa toma de posesión o sete de xuño de 1690 ata a seu pasamento o dezaseis de xaneiro de 1707― e gardada no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago
de Compostela, no apartado de Fondo de Libros Parroquiais e Sacramentais, no Libro 2, Bautizados 1660-1690, folio 186, da Parroquia de Santiago de Pontedeume.

Malia que marchou da vila con só catorce anos, sempre levou a Pontedeume no corazón.
Pouco despois de ser nomeado polo papa Bieito XIV (1740-1758), por mor dunha Bula
de dezanove de agosto de 1751, arcebispo de Santiago de Compostela, e de facer, o
nove de maio de 1752, a súa entrada solemne na cidade como o seu prelado, encárgalle
o plano inicial da reedificación da igrexa parroquial a frei Manuel de los Mártires en
1754. O templo foi consagrado polo propio Rajoy o sete de setembro de 1761, aínda que as obras remataron dous anos máis tarde, segundo consta na inscrición gravada na fachada. Á xenerosidade do arcebispo debeuse que o escudo que aquí se labrou fose o do conde Fernando de Andrade, que mandara facer a capela maior contra o ano 1530, e non o do seu episcopado, como patrocinador da reedificación.

No discurso que pronunciou o día que lle consagrou o templo reedificado ao apóstolo
Santiago, posto en oitavas polo cura de Fruíme, así lle cantou, cos ollos cheos de bágoas pola emoción, á súa vila natal: “Vengo, sí, dulce Patria, á confesarme / al ser, que te debí, reconocido; / vengo, sí, con el fin de congraciarme / con el Cielo feliz, en que he nacido: / vengo, ya blanco Cisne, á consolarme / por las orillas en que tuve el nido, / para que aquí del Eume en la ribera / me oigais cantar mi dicha antes que muera. // Aquí el primer aliento he respirado, / y á la piedad de Dios mi pecho estima / por favor especial haberme dado / horizonte feliz en tan buen clima: / el nacer en país proporcionado / á una buena crianza al hombre anima; / pues desde los arrullos de la cuna / se va haciendo la cama á la fortuna” (Moncho Regueira: «Semblanza e obra de catro poetas», en “Cátedra”, 8, Pontedeume, 2001, p. 91).

En 1764 manda facer un peirao para os mariñeiros na ribeira da vila e construír alí dez
lonxas que aínda hoxe se conservan e son utilizadas para diversos fins; unha delas como albergue de peregrinos do Camiño de Santiago.

En 1766 comeza a edificar a súa casa na rúa Real da vila, na que pasar parte do tempo
de lecer nas súas esporádicas visitas. Coñecida aínda hoxe como palacio de Raxoi, leva
labrado na súa fachada o escudo do seu pontificado, onde aparece, na parte superior
dereita dos seus catro cuarteis, unha torre sobre unha ponte de tres arcos para salvar un río, que ben podería ser unha homenaxe ao seu Pontedeume natal, xa que no escudo da vila figuran tamén a torre e a ponte sobre o río Eume.

Anos máis tarde, en 1768, sufraga os traballos de arranxo do adro parroquial e a súa
comunicación coas rúas da Fontenova e A Tafona, na que edifica dúas escolas, unha
para nenos e outra para nenas, que hoxe se atopan nun estado lamentable, dotadas
ambas as dúas cunha asignación económica anual para pagar os seus mestres, que
proviña dunha parte do arrendo das lonxas que mandara facer na ribeira. Asigna tamén catrocentos ducados anuais para atender as necesidades de catro rapazas pobres da vila.
Felizmente, parece que pronto no solar será construído un novo albergue de peregrinos, que servirá para ampliar a oferta que estes xa tiñan na vila e dignificar a contorna da igrexa.

Jesús Andrés López Calvo dános conta tamén dunhas obras de ampliación da fachada
do convento agostiño de Pontedeume, fundado polo conde Fernando de Andrade,
mandadas facer por Rajoy por un importe de 66.000 reais (Jesús Andrés López
Calvo: “El convento agustino de Pontedeume. Estudio Histórico y Colección
Documental”, Pontedeume, 2006, p. 53). Ademais, a fundación na igrexa parroquial de Pontedeume dunha Minerva dotada con cen ducados anuais e a doazón dunha custodia en prata sobredourada que reproduce o retablo da capela maior da catedral de Lugo, un viril de prata sobredourada e un palio con fíos de ouro de oito varas que son utilizados nas procesións do Corpus e do Domingo de Resurrección −na que sae o Santísimo arredor do adro parroquial de Pontedeume por un privilexio concedido polo noso arcebispo−, seis candelabros e unha cruz de prata, un cáliz de prata sobredourada coa súa patena, unhas viñateiras de prata sobredourada ou un Neno Xesús vestido de peregrino con zurrón, bordón e cabaza de prata foron tamén, entre outros, algúns dos valiosos agasallos que Rajoy lle fixo á igrexa eumesa.

Como acto póstumo de amor a Pontedeume, no frontispicio do chamado Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago de Compostela e da presidencia da Xunta de Galicia, que o prelado eumés mandara edificar na praza do Obradoiro ―talvez a máis fermosa do mundo e sen dúbida o corazón do europeísmo―, facendo conxunto coa monumental fachada principal da catedral, os pazos de Xelmírez e Fonseca, e o Hostal dos Reis Católicos, quedou gravado en letras douradas o nome da súa vila natal: NACIO EN LA VILLA DE PUENTEDEUME PROVINCIA DE BETANZOS EL AÑO DE 1690 Y FALLECIO EN EL DE 1772.

O arcebispo eumés entregou a súa alma o venres dezasete de xullo de 1772 e o luns
seguinte foi enterrado no púlpito do Evanxeo, entre as reixas do coro e o altar maior, da catedral de Santiago. Unha vez rematadas en 1784 as obras por el impulsadas, os

Sepulcro de Raxoy

seus restos foron trasladados ao lado da Epístola da antiga capela de Don Lope −cuxos
despoxos están no lado do Evanxeo−, reformada por Rajoy para transformala na capela da Comuñón, onde se expón diariamente o Santísimo Sacramento. Así e todo, unha lenda, alimentada por unha noticia publicada polo xornal “Dependiente de Comercio” e recollida polo cóengo López Ferreiro, conta que “los intestinos quiso que se enterrasen en S. Fructuoso y el corazón en una yglesia que havía fundado en Puentedeume” (Antonio López Ferreiro: “Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela”, t. X, Santiago de Compostela, 1908, p. 154).

Non hai constancia nin posibilidade ningunhas de que isto fose así, xa que, de selo, ese

Igrexa de Santiago

órgano visceral sen dúbida se gardaría nun relicario e ocuparía un lugar destacado na igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, pero aos eumeses sempre nos gustou pensar que o corazón de Rajoy, no sentido no que o entenden os poetas, nunca marchou de Pontedeume, pois foi o lugar que máis amou, e ten que estar nalgún recuncho do templo parroquial, especialmente querido por el malia que ignorado por nós.

Lea también

El 10 de marzo de 1972 en Ferrol ¿Tragedia o suceso histórico?

Enrique Barrera Beitia Todos los ferrolanos sabemos que el 10 de marzo de 1972 una …