O Auditorio acollerá este venres o concerto homenaxe a Carvalho Calero

Presentación do concerto homenaxe a Carvalho Calero | Concello de Ferrol

Ferrol renderá homenaxe mañá venres a Ricardo Carvalho Calero nun concerto creado especialmente para a ocasión por A Pedreira e Kátia Guerreiro, dúas das figuras máis importantes da música galega, no primeiro caso, e da portuguesa, no segundo. Ambas estiveron esta mañá no pazo municipal xunto ao alcalde, Ángel Mato, e concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, para avanzar algúns dos detalles do espectáculo que ofrecerán no Auditorio de Ferrol a partir das oito da tarde.

O rexedor agradeceu especialmente a todas as persoas que traballaron para facer posible o evento. Mato dixo que en canto ás Letras Galegas, “o ano pasado foi un ano incompleto”, e de aí que agora se programara este Concerto das letras galegoportuguesas, en recordo de Carvalho Calero. En canto a Pedreira e Guerreiro, destacounas como dúas artistas entre as máis importantes das súas respectivas músicas. Á primeira agradeceulle “que se teña comprometido tanto” co proxecto, e da segunda recoñeceu que lle resultaba “imposible” ser obxectivo, porque se trata dunha cantante á que leva seguindo durante moitos anos e que está entre as súas fadistas favoritas. “É unha boa oportunidade para reivindicar os lazos entre ambos países e unha lingua común”, rematou o alcalde.

Ugía Pedreira mostrouse “encantada” de poder tomar parte no concerto e lembrou a súa vinculación con Ferrol e especialmente con Carvalho Calero, a quen comezou a musicar con só 16 anos. Para ela é “necesario” facer “abrazos coma este” que organizaron o Concello e o Eixo.

Kátia Guerreiro referiuse a Carvalho coma referente das raíces comúns de Portugal e Galicia. “É unha honra para min compartir con Ugía este concerto”, asegurou a portuguesa, que dixo que o fado “axuda moito a abrir as portas” e a “encontrarse con outros pobos, e máis co galego”.

A decisión de unir a Pedreira e Guerreiro obedece ao interese de Carvalho Calero polo lusismo, tanto dende o punto de vista cultural como, sobre todo, dende unha perspectiva lingüística. Así, representando o autor ferrolán unha das figuras máis destacadas do reintegracionismo, o Concello e o Eixo Atlántico, coorganizadores do concerto, optaron por tratar de abordar o evento dende ese enfoque.

Co Concerto das letras galego-portuguesas, a Administración local quere seguir dándolle continuidade á promoción da obra e da traxectoria de Ricardo Carvalho Calero, iniciada o ano pasado con motivo da súa designación como autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, unha celebración en gran parte malograda no 2020 a causa da pandemia.

Entradas gratuítas

As entradas para asistir ao espectáculo poden retirarse no Teatro Jofre no horario habitual do despacho de billetes (de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00), mentres que no Auditorio estarán dispoñibles a partir das 17.30 horas de mañá.

O concerto comezará cunha introdución a cargo de A Pedreira, que estará acompañada no escenario polo guitarrista Mauricio Caruso. Na segunda parte tomará o relevo Kátia Guerreiro, e finalmente as dúas uniranse na interpretación de varios poemas de Carvalho Calero musicados por A Pedreira e arranxados especialmente para a ocasión. Será o broche final a unha velada que o alcalde cualificou de “única”.

Lea también

Neda celebra las XIX jornadas literarias poniendo el foco en «Trazos de Xapón»

«Un encontro entre a caligrafía e a palabra escrita” que reunirá los días 25, 26 y 27 a …