A estrada de Baltar pasa a mans do Concello de Narón

O Consello da Xunta autorizou este mércores o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Narón da estrada autonómica AC-114 entre os núcleos do Val e de Baltar, no concello de Narón.

O Concello solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da
titularidade desta estrada ao seu paso polo lugar de Baltar, na parroquia do Val. A entidade local basea a súa solicitude na funcionalidade desta vía de carácter local, así como en que non serve de soporte ao transporte interurbano nin dá acceso a un equipamento de interese autonómico.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, de acordo cos informes emitidos polos
servizos da Xunta na Coruña, formula a proposta favorable de transferencia dos 630 metros de lonxitude da AC-114, que ten o seu inicio á altura do punto quilométrico 6+280, marxe esquerda, e que discorre na súa totalidade polo municipio de Narón. O treito foi obxecto de acondicionamento recente por parte da Xunta, cun investimento de máis de 48.000 euros.

As actuacións executadas polo Goberno galego leváronse a cabo en toda a estrada coa fin de mellorar o acceso ao convento de Baltar e incluíron o estendido dunha capa de rodadura, a execución de cuñas de transición nos accesos a vivendas e a reposición da sinalización. A transferencia a prol do Concello de Narón tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

Co cambio de titularidade aprobado este mércores polo Consello da Xunta o Concello terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento. O decreto aprobado  polo Executivo autonómico producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …