O xa lendario Cine Eume

José Fonte Sardiña

Naqueles monótonos días invernais de eterna choiva no Pontedeume do século pasado, o cine era unha das actividades que rompían a rutina dos domingos. Como nos conta Ramiro Fonte con rigor, tenrura e algo de retranca, “na nosa vila o cinematógrafo anticipouse á imprenta. Xa no ano nove, poucos meses antes da aparición no ceo do mortífero e perturbador cometa Halley, celebrouse na planta baixa do noso consistorio, ben escangallada, por certo, naquelas calendas, unha velada cinematográfica. Adversa casualidade: alí se atopaba almacenado o material pirotécnico das festas de setembro.
Trescentas almas, todas apertadas, non estouparon coa coveira de figueroístas do
concello por un tris. Os petos dos presentes debían estar cheos de bolos de san Nicolás” (Ramiro FonteOs ollos da ponte, Vigo, 2004, p. 126) (Gravado de José Ramón do baixo do Concello).

Narra tamén nesta novela como foi fundado o primeiro cine e as concesións que os seus promotores tiveron que facer para contar co favor do clero eumés. “Nun febreiro de 1918 pasado por auga, a lanterna máxica dos irmáns Lumiére estableceuse en
Pontedeume e comezou a funcionar con regularidade. O acontecemento pasou inadvertido para a prensa provincial. Non así para ‘Ecos del Eume’, que proclamou ós catro ventos a noticia: No salón de La Panera instalouse un cinematógrafo, e os
produtos dedícanse ó sostemento das escolas Fomento de la Cultura Popular de la
Sagrada Familia […]. Nin que dicir ten. Co bo destino que lle deron ós cartos da
recadación, ningún crego se viu impelido a ameazar ós seus fregueses desde o púlpito con prédicas milenaristas contrarias á futurista máquina […]. Ben podería ser dito: desde aquela as nosas vidas son unha mala imitación do que sucede na pantalla” (Idem, p. 126 e 127). Logo viñeron o Teatro Cine Coliseo e o Cine Eume (As entradas son da colección de Antonio Leira Noche, ao que moito lle agradezo a súa xenerosidade).

Nunca esquecerei aqueles domingos da miña infancia, nos que, cando xogaba o Eume―un recordo moi agarimoso para Evaristo Cinza, o noso adestrador no equipo de xuvenís, que esta semana nos deixou―, íamos á Gándara e, despois do partido, á
película que poñían no cine. Era obrigada a visita ao Ambigú no descanso, onde nos
atendían os nosos amigos Adriano e José Manuel, que lle botaban unha man ao seu pai ante a avalancha da rapazada que se amoreaba na barra.

Despois, ao saír, unha partidiña ou dúas, segundo os cartos que quedasen no peto, no
Futbolín e, ao acabar, batíame en retirada cara á casa, coa noite pecha. Se non había
partido, anticipaba a sesión do cine, as partidas no Futbolín e tamén a volta ao fogar.

Aqueles sempre máxicos e decote chuviosos domingos foron evocados polo noso bardo, contrapoñéndoos ás rutineiras xornadas na escola do Pescador, na clase de don Pablo, nun delicioso poema: “Había esa sesión das tres e media / no cine Eume, / nos domingos de inverno, / e o demais eran átonas horas escolares, / pintadas da mesma cor gris dos uniformes / que facían pensar nuns nenos incluseiros” (Ramiro Fonte: ‘Cine Eume’, en “Capitán Inverno”, Vigo, 1999, p. 127) (Caricatura de don Pablo de Siro López).

Na infantil sesión das tres e media poñían decote películas onde os vaqueiros,
naturalmente, sempre vencían aos indios ou nas que Bud Spencer e Terence Hill ou
Bruce Lee repartían labazadas e trompadas sen parar (Entrada da colección de AntonioLeira Noche).

Tamén anunciaba a carteleira, “enchoupada de engrudo, / recén dependurada na
columna / dos soportais da praza: estouna vendo / cos ollos acendidos” (Ibidem)
películas para maiores nas sesións do serán e da noite.

Xa hai varias décadas que o Cine Eume pechou e aínda que as mellores películas
tardaban moito en chegar ―proximamente era un concepto relativo, por non dicir que
sarcástico― e temos ben preto de nós as salas de Narón ou da Coruña, o certo é que se
bota moito de menos na vila.

 

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …