Narón-A alcaldesa remitiu á Consellería de Educación un documento solicitando reparacións nos centros de ensino

O Concello de Narón remitiu ao secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Manuel Vila, o documento no que se recollen as obras que con maior urxencia precisan os centros de ensino da cidade. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Educación, Mercedes Taibo, mantiveron o pasado martes, día 15, unha reunión telemática con Vila e outros representantes da administración autonómica na que se comprometeron a enviar un documento coas actuacións que se considerasen prioritarias, enviado este mesmo venres.

Entre esas actuacións figura a reparación das cubertas que presentan deterioros ou que aínda teñen instaladas placas de fibrocemento, un material retirado da venda dende o ano 2002. Este é o caso dos CEIP da Gándara, A Solaina e Virxe do Mar, tal e como figura no documento. Os problemas de filtracións de auga provocan no interior dos edificios humidades que impiden manter os centros nun estado axeitado, tal e como indicaron dende o Consistorio.

Así mesmo, requírese á Xunta que priorice a substitución das ventás, caldeiras e radiadores dos centros de ensino da cidade por presentar un mal estado xeralizado dende hai varios anos, tal e como se trasladou en anteriores ocasións. É o caso, entre outros, do CEIP Piñeiros, que dende o ano 2017 trasladou á administración autonómica o mal estado da caldeira do centro, con máis de dúas décadas de antigüidade.

Os aseos dos colexios da cidade son outra das urxencias marcadas dende a administración local, ao requerirse actuacións integrais nos localizados nos colexios da Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros, e O Feal. No caso do colexio Virxe do Mar, donde o Concello investiu 100.000 euros nunha reforma integral de parte dos aseos, serían tamén precisas actuacións noutros aseos.

 

A maiores, tamén se adxuntou un dossier que xa se entregara á exconselleira no que se detallan máis necesidades en materia de reparación nos centros de ensino e con imaxes do estado que presentan as deficiencias descritas, debido a que a día de hoxe continúan sen subsanarse.

Acordo de colaboración

A alcaldesa reiterou a Manuel Vila a súa disposición a “chegar a un acordo de colaboración coa Consellería de Educación, mantendo o compromiso de analizar e acordar entre ambas administracións as prioridades nesas actuacións co fin de proceder a levalas a cabo á maior brevidade”.

A ampliación da oferta educativa na cidade é outro dos asuntos sobre os que se fixo incidencia dende o Concello, ao considerar que é insuficiente a existente a día de hoxe. Co fin de ampliala, solicítase a construción dun Centro Integrado de Formación Profesional que ofreza os ciclos de Transporte e Loxística e de Comercio Internacional.

Finalmente recordouse que o Alto do Castiñeiro, un barrio que experimentou un crecemento dun 85% nos últimos quince anos e ubicado no centro neurálxico da cidade, continúa sen un centro de ensino Primario. Tamén se fai referencia á aprobación das mocións nas que se solicita á Xunta que cada centro de ensino que o solicite dispoña de comedor escolar, melloras no servizo e a inclusión dos almorzos escolares.

“Queremos que as rapazas e rapaces que estudan nos centros de ensino de Narón o poidan facer nunhas instalacións axeitadas e para iso é preciso que a Xunta de Galicia asuma dunha vez as súas competencias nesta materia”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa da cidade recalcou que “levamos moitos anos ofrecéndonos a colaborar e esperamos que esa colaboración se poida materializar canto antes e se subsanen as deficiencias que requiren de intervencións urxentes”.

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …