Narón-A CIG denuncia postos de limpeza insuficientes para o novo centro de saúde

«Como bén é sabido pola cidadanía da Comarca, un novo Centro de Saúde está a piques de comezar o funcionamento no Concello de Narón. Prevese que estea aberto o público a fins do presente mes ou comezos de xullo. O que non é tan sabido é que a Xerencia de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Ferrol «pretende escatimar na limpeza do Centro dun xeito escandaloso» e todo isto en situación pandémica, o que termina de definir «o grao de ruindade amosado pola mencionada Administración» sinala a CIG nun comunicado.

«A empresa concesionaria do servizo (LACERA Servicios y Mantenimiento SA) reuniuse coa Xerencia recomendándolle 160 horas semanais de limpeza para unha óptima cobertura do servizo, o que equivalería a algo máis de tres xornadas completas atendendo ós 4.312 metros cadrados de superficie do centro, alegando a Xerencia que se trata dunha proposta esaxerada para tales metros e propoñendo a cobertura do servizo con tan só 98 horas semanais». «A realidade é que existen centros cun ratio de limpeza máis elevado como pode ser o caso do Centro de Saúde Fontenla Maristany (Ferrol) onde se emprestan servizos de limpeza por un total de 300 horas semanais (146 horas por parte de traballadoras de LACERA e 154 horas emprestadas por persoal de limpeza a cargo do SERGAS), para un centro que ten unha superficie de 4.500 metros cadrados, non sendo tampouco horas suficientes para dar un servizo solvente e sen afogos». «Non se entende de ningún xeito a manifestación da Xerencia, máis ainda cando o motivo que alegan é que ó tratarse dun centro novo é máis fácil de limpar que se tivese máis anos, razoamento que non se pode calificar doutro xeito que non sexa absurdo»

«Cabe salientar que a elevada carga de traballo provocada pola Xerencia de Xestión Integrada condena ás traballadoras e traballadores a unha situación de grave risco en canto a seguridade e saúde no traballo se refire, abocando ao persoal a unha situación de sobrecarga física e mental continua, situación que xa se vén sufrindo noutros centros como consecuencia do recorte horario perpetrado por unha das anteriores concesionarias do servizo, provocando que o persoal deses centros teña que realizar un sobreesforzo notable cada día para cumprir coas tarefas encomendadas». 

«Unha vez máis nos atopamos fronte unha Administración Pública máis preocupada por aforrar cartos e por publicitar o incremento de servizos sanitarios que por protexer eficazmente á cidadanía fronte á crise sanitaria existente, ou por asignar condicións de traballo dignas para as persoas que traballan nas súas contratas, efeito claro do afondamento na deriva neoliberal na que a Xunta de Galiza leva xa demasiados anos inmersa» remata  a nota da central nacionalista.

Lea también

La ASCM conmemora el día del libro con un MercaLIBRO solidario

La Asociación Sociocultural ASCM organiza este viernes 19 en el local social de A Gándara …