Lenda de Mariña, a serea de Sálvora, e a noite meiga de San Xoán

José Fonte Sardiña
Consonte os relatos da “Chançon de Roland” e o libro IV do “Códice Calixtino”Roldán morreu o quince de agosto do ano 778 na batalla de Roncesvalles loitando contra os infieis no exército comandado por Carlomagno, que decidira así cumprir o mandato que lle dera o apóstolo Santiago cando se lle aparecera nun soño. Naquel fatídico día en terras navarras, Roldán fora vítima dunha emboscada a mans dos seus
inimigos. Ao verse en perigo, fixo soar o seu olifante para avisar ao emperador pero xa
era demasiado tarde para que o salvaran. O seu corpo morto foi embalsamado alí,
despois de ter sido chorado por Carlomagno, e levado logo á cidade francesa de Blaye
para o enterrar (Miniaturas do século XII do soño de Carlomagno e do seu exército
no “Códice Calixtino”).

Así e todo, contan en Sálvora que a historia non foi como din estes libros. Segundo alí aseguran, Roldán logrou fuxir ferido desde Roncesvalles ata o porto de San Sebastián,
onde colleu un barco no que atravesou o Cantábrico, pasou polo noso golfo Ártabro e
chegou a esta illa do Atlántico, onde construíu unha fermosa casa, e quedou alí a vivir
sen dar a coñecer a súa verdadeira identidade.

No solpor dun día que paseaba pola praia viu tirado na orela o corpo dunha muller
moribunda, colleuna no colo e levouna ao seu fogar. Roldán quedou enfeitizado coa súa beleza e coidouna con tanto agarimo que a moza sandou aos poucos días. A fermosa rapaza de longos cabelos louros era unha serea que chegara perdida ata a illa e non podía falar. É ben sabido que estes seres mitolóxicos mudan a súa cola de peixe cando están fóra da auga salgada por unhas pernas de muller e perden a súa sempre deliciosa e feiticeira voz (Ilustracións de Sandra Sarmiento Viña).

Como a serea non podía falar, Roldán púxolle o nome de Mariña, porque viña do mar, e á rapaza semellaba que lle gustaba. O amor non tardou en xurdir entre eles e só dez
meses despois de que a serea chegase á illa xa tiñan un fillo ao que chamaron Xoán
(Ilustración de Sandra Sarmiento Viña).

Na véspera da festa do santo do neno ―aínda non cumprira o seu primeiro ano―, como mandaba unha tradición que Mariña ignoraba, Roldán acendeu un enorme folión na praia para o saltar e, cando as lapas estaban máis altas, colleu o seu fillo no colo, foi correndo cara á fogueira, deu un gran chimpo e atravesaron os dous o ancestral lume purificador, mentres as muxicas salpicaban os seus rostros.

Mariña, como descoñecía aquel costume, pensou que Roldán se volvera tolo e quería
queimar o seu fillo nas lapas, polo que tentou chamalo con tanta forza para o deter que
recuperou a súa voz. Roldán tranquilizouna e explicoulle que saltara con Xoán o folión
seguindo unha vella tradición e xuroulle que el nunca poría en perigo o seu fillo. O neno medrou feliz e, cando se fixo maior, marchou da illa. Roldán e Mariña viviron xuntos e namorados moitos anos en Sálvora e abofé que foron moi ditosos.

Cando morreu Roldán, Mariña volveu ao mar, recuperou a súa cola de peixe coa auga
salgada e viviu eternamente na súa antiga cova co espírito do seu namorado como
compañeiro (Ilustración de Sandra Sarmiento Viña).

Contan os vellos mariñeiros que sucan as augas do Atlántico que, aínda hoxe, nos días
nos que o mar está máis embravecido, Roldán fai soar o seu olifante para os avisar do
perigo, e que tamén o fai a noite meiga de San Xoán (Miniatura da “Chançon de
Roland”).

 

Lea también

Concello de Ferrol: una evaluación difícil.

Enrique Barrera Beitia  Escribo este artículo cuando los gobiernos locales llevan ya diez meses de …