Ares-A Agrupación Instrutiva de Caamouco organiza actos conmemorativos do Día do Orgullo LGTBIQ+

Este domingo tivo lugar no xardín do centro social da Agrupación Instrutiva de Camouco, en Ares, cun formato semipresencial e retransmisión en directo a través das redes sociais  os actos conmemorativos con motivo do Día do Orgullo LGTBIQ+

A xornada arrancou cun coloquio no que se abordou a necesidade de visibilizar o coletivo LGTBIQ+ na sociedade. O presidente da Agrupación, Dani García, aproveitou tamén para salientar a importancia de pequenos actos como os organizados en Caamouco: «Cada xesto conta no proceso de naturalización e visibilización do colectivo. Hoxe reivindicamos dende o rural unha sociedade aberta e orgullosa da súa diversidade», indicou. «Os nosos veciños e veciñas, con independencia da súa condición sexual ou de xénero, teñen en nós unha organización aliada que defenderá os seus dereitos e traballará pola fin das discriminacións»   engadiu.

No coloquio participaron Marta Paz e Rocío Fraga, pertencentes á organizacíon Nonmepisesofreghao. Fraga, ademais, foi Concelleira de Igualdade e Diversidade na cidade da Coruña no anterior mandato. No faladoiro tamén interviron Iván Selleiro e Danny Leiva, parella que reside en Caamouco. As distintas intervencións serviron para reflexionar sobre os avances lexislativos a prol do colectivo ou sobre o preocupante incremento de condutas LGTBI fóbicas. O coloquio contou tamén coa participación de Lidia India, integrante do grupo Maina Meteria, que se encargou da parte musical.

Acto seguido, procedeuse á inauguración dun banco LGTBIQ+ no xardín do centro social da Agrupación Instrutiva. Ó seu carón, unha placa conmemorativa que inclúe a seguinte mensaxe: «Caamouco, diverso e visible. Conmemoración do día do Orgullo LGTBIQ+». O banco, oculto tras un pano, foi descuberto polas persoas que participaron no coloquio e o presidente da Agrupación. A intervención permite, ademais, poñer en valor un espazo que ata o de agora carecía de uso, servindo a partir de agora de punto de encontro para a veciñanza que queira sentar para observar dende el o edificio indiano da Agrupación.

A xornada rematou co izado da bandeira do colectivo no mastro do histórico inmoble, situado na fachada principal. Vai permanecer alí durante os vindeiros sete días.

Lea también

Ares acada o epicentro de Atenas no marco do proxecto europeo ‘Sporural’

A concelleira de Deportes de Ares, Alma Barrón, e membros do equipo técnico deportivo e …